Galicia perde ao poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

A CORUÑA

PACO RODRIGUEZ

09 oct 2019 . Actualizado a las 19:28 h.

Onte, nas últimas horas dunha tarde especialmente escura, na que ata o mar parecía estar triste, falecía na súa casa da Coruña, aos 87 anos de idade, Manuel Álvarez Torneiro. E hoxe Galicia é infinitamente máis pequena. Poeta esencial, poeta magnífico, autor entre outros libros desa obra capital das letras atlánticas que é Rigorosamente humano, Torneiro marcha ao que nós chamamos morte deixando detrás de si un inmenso baleiro, porque a súa voz é insubstituíble.

Autor dunha obra poética escrita fundamentalmente en lingua galega (aínda que tamén publicou poemas en castelán), o seu compromiso coa lingua de Rosalía non lle impediu gañar o Premio Nacional de Poesía, galardón que polo xeral só se concede a obras escritas en lingua española. Nin lle impediu, tampouco, ser considerado, polos seus verdadeiros lectores, unha figura esencial no ámbito da cultura hispana. Os seus versos («vén con mazás que medran na tormenta / con indicios de ríos...») son un auténtico reino da palabra, que trascenderá para habitar ese eterno presente que é a eternidade. Xornalista de profesión, vencellado sempre a La Voz de Galicia, Torneiro era, ademais, a encarnación da bondade. Falaba pouco, e xamais de si mesmo. Del ben se podería dicir, como Torga dixo de Pessoa, que o seu país o viu pasar sen preguntarse quén era.