As foliadas buscan novo público dende Betanzos

A CORUÑA

«Escoitar, aprender e compartir» do Grupo Pesquedellas é un traballo que se presenta en Biblos e co que se reivindica que o folclore sigue sendo unha alternativa de ocio

05 oct 2019 . Actualizado a las 10:35 h.

Gaitas, pandeiretas, tarrañolas, cunchas, botellas, latas, tambores, bombos ou charrascos son algúns dos numerosos de instrumentos musicais que o Grupo Pesquedellas, conformado por rapaces betanceiros ligados ao folclore, quere que conformen a banda sonora de novo do ocio xuvenil. Impulsan un proxecto cultural, incluído dentro da Iniciativa Xove de Xunta, que busca que os máis novos volvan a ver na música e baile tradicional unha alternativa para o seu tempo libre.

«A través de entrevistas a mestres, músicos, persoas que viviron a época de esplendor do folclore e afeccionados que gozan con este tipo de festexos, buscamos crear un espazo na rede que poña en valor as formas tradicionais de reunión e festa como son as foliadas, polavilas, ruadas, viño do país... e o normalice na vida da xuventude», explican sobre a finalidade dunha iniciativa que ten como primeiro acto público a presentación dun documental o 5 de outubro, as 20.00 horas, na libraría Biblos. Como non podería ser menos, haberá foliada posterior, neste caso no café Lanzós.

Os seus informantes son xente que comenta dende como se vivía noutros tempos a como chegou ata nós esa tradición. O proceso de creación desta peza audiovisual, baixo o título Escoitar, aprender e compartir, pódese seguir nas redes sociais de Proxecto Pesquedellas e avanzan que «o produto resultante desta investigación será un documental proxectado en diferentes lugares coma na universidade e en escolas, bibliotecas pública, librarías ou centros públicos coma a casa da xuventude».

Ademais, téñenos pensado subir as redes buscando chegar ó máximo número de persoas para difundir o folclore e intentar crear afección. «Mais o noso maior logro sería reactivar este tipo de tradicións na nosa vila, Betanzos», recoñecen os integrantes do proxecto.

«Entre os nosos obxectivos están revalorizar as fontes orais e dar a coñecer historias e anécdotas de aqueles que viviron as tradicións, mostrar outros enfoques do folclore galego e promocionalo entre a xuventude», din.