A cantante lusa Maria João, hoxe no peche do festival Cantos na Maré

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

A festa final estará protagonizada polo proxecto Enredadas, con Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira

15 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Maria João Monteiro Grancha (Lisboa, 1956), unha das grandes damas do jazz europeo, actuará hoxe no festival Cantos da Maré. A vocalista lusa -que abrirá a xornada de clausura- chega ás 13.00 horas ao Teatro Principal de Pontevedra arroupada pola formación do pianista arxentino-brasileiro Pablo Lapidusas, PLINT (Pablo Lapidusas International Trio), un proxecto portugués que integra ao baixista cubano Leo Espinosa e ao baterista brasileiro Marcelo Araújo. A cantante, coñecida pola súa flexibilidade vocal e a súa capacidade de improvisación, acadou notable transcendencia na súa colaboración co pianista lisboeta Mário Laginha, con quen traballou máis de 25 anos, gravou ducias de álbums e ofreceu concertos por todo o mundo. Tamén colaborou con Gilberto Gil, Bobby McFerrin, Trilok Gurtu, Dino Saluzzi, Manu Katché, Joe Zawinul, Niels-Henning Ørsted Pedersen e Ralph Towner, entre outras figuras.

Tamén no Principal, ás 18 horas, estará a pianista e compositora Clara Peya, cunha capacidade creativa inclasificable que bascula entre a música de cámara, o jazz, o pop e a electrónica. «Á miña música chámolle romántico-contemporánea ou punki-romántica», di nun intento de definir o seu estilo, e engade que cre no poder da arte para a denuncia. O peche aos tres días de festa de Cantos na Maré poñerano no Pazo da Cultura Enredadas -proxecto conformado por Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira-, nunha velada que comezará ás 20.30 horas e que terá como convidadas a Lívia Mattos, Assa Matusse e Bia Ferreira.