Marcos Aguión, un bailarín loitador

Asoc. Cultural xacarandaina A CORUÑA

OBITUARIOS

A asociación Xacarandaina súmanse á iniciativa da familia de animar a colaborar coa Fundación Josep Carreras

19 jul 2019 . Actualizado a las 11:08 h.

O 16 de xullo faleceu Marcos Aguión Barreiro, bailador e membro do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. O pequeno de tres grandes bailadores, Marcos comezou a botar os seus primeiros puntos en Xacarandaina cando apenas contaba con catro anos. Xa de mozo subiu ao Grupo principal no que se mantivo en activo durante unha chea de anos, participando en multitude de espectáculos e contribuíu a levar o nome de Galicia polo mundo adiante en innumerables viaxes e actuacións. Cunhas facultades innatas para o baile Marcos era ante todo compañeiro. Amigo. Un nobre sorriso no rostro e magnífico facer sobre as táboas.

Marcos era por riba de todas as cousas, un Bailador. Un bailarín que loitou ata o final. Contra a enfermidade, contra unha situación terrible e inxusta... E non dubidou de encher os seus últimos momentos do que máis amaba e vida lle daba: o noso baile, a nosa tradición, a súa Galicia... Deste seu amor sen límites polo Noso queda constancia nese vídeo que nos deixou poucos días antes do seu pasamento.

Hoxe as gaitas choran, as foliadas non apetecen, as muiñeiras soan sen alegría e a familia Xacarandaina despide con amargura a un dos seus queridos fillos. Queremos desde a Asociación Cultural Xacarandaina mandar o noso máis profundo agarimo e unha fonda aperta á súa familia e amigos; e queremos sumarnos á iniciativa da súa familia e animarvos a colaborar coa Fundación Josep Carreras contra la leucemia, xa sexa mediante un donativo ou facéndovos doantes de medula ósea.

Nós aportaremos o noso gran de area facendo o noso habitual espectáculo anual solidario dedicado na súa honra á loita contra esta terrible enfermidade.

Baila ti, meu bailarín

unha volta polo lado

outra darrredor de mín ...

Ate sempre ... Bailador !!!