«Xa estiven no armario e non quero volver entrar, vívese mellor fóra»

Mila Méndez Otero
Mila MÉNDEZ A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

O Atlantic Pride vive o seu último día con actuacións musicais e charlas dos pioneiros na loita dos dereitos LGTBI

13 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É o veterano das testemuñas que o Atlantic Pride organiza este sábado nos xardíns de Méndez Núñez. Fito Ferreiro Seoane ( A Coruña, 1962) subliña a importancia de lembrar vivencias como a súa para saber de onde vimos.

-Como foi a súa mocidade?

-Vivín nunha etapa onde era difícil ser gay, onde a xente dicía: «Prefiro un fillo ladrón que maricón». Nunca imaxinei que casaría. Hoxe, ir co meu marido ás festas, falar del no traballo ou que no quiosco da Gaiteira me digan que xa levou o xornal o «teu home» é unha delicia. Houbo momentos moi complicados na vida dos que temos case 60 anos.

-A normalidade reside no cotiá.

-Durante moitos anos ocultei parte da miña, parte de min. Dicía: «Estiven nunha praia, fun a Madrid». Nunca con quen. Iso pasa factura.

-Cando mudaron as cousas?

-Nunca saímos do armario unha vez. Saímos pouco a pouco, pero a lei do matrimonio igualitario foi o gran impulso.

-Que pasou cando se revelou?

-Unha amiga da miña nai veu visitarnos. Ela tiña máis de 70 anos e tróuxonos un pano de punto de cruz de agasallo. Dounos os parabéns e contounos que, xa na época da república, había unha praia na Coruña á que ían os homosexuais. Aínda temos o pano na casa. Foi moi emotivo.

-Pola charla que dá hoxe, en Madrid pedirían o seu nome, como está a esixir VOX.

-En Alas fixemos a semana pasada unha campaña onde, con nomes e fotos, dicimos que fomos a dar charlas a institutos. Temos a igualdade legal, non a real. Hai pais que rexeitan aos fillos e rapaces que o pasan mal no colexio. Nunca podemos de deixar de loitar. A extrema dereita quérenos meter de novo no armario. Eu xa estiven nel e non quero volver entrar. Vívese mellor fóra, visible.

-Que lle parece o acontecido no día do Orgullo?

-Surrealista. O Orgullo é unha manifestación. Ciudadanos xustificou este xoves que nos fichen e pacta con VOX. Pero, queremos esquecernos diso. O importante este ano é honrar as persoas maiores que loitaron porque esteamos a aquí. O lema deste 2019.

-E que os chamen fascistas ou digan que deben ir a terapia?

-Se algo ten o mundo gay é que está aberto a toda a diversidade. O fascismo só quere a súa realidade. Iso é a extrema dereita. No noso mundo collemos todos. Queremos vivir tranquilamente, que nos deixen en paz.

Pioneiro

«Son activista porque non quero que os novos pasen o que pasei eu», di Fito Ferreiro Seoane. É unha das voces convidadas ao Atlantic Pride que este ano ten como lema reivindicar a loita dos maiores polos dereitos da comunidade LGTBI