María Barral, alcaldesa electa de Betanzos (PSOE): «A maioría dáche tranquilidade»

dolores Vázquez BETANZOS / LA VOZ

A CORUÑA

C. Delgado

Remarca que seguirá contando coa oposición nos temas importantes

30 may 2019 . Actualizado a las 19:55 h.

María Barral (Betanzos, 1973) loce aínda na ma unha pulseira vermella coas letras do PSOE, que moitos afiliados usaron de amuleto a noite electoral. No seu caso, con 3.272 votos obtidos, que se traducen en dez concelleiros e unha maioría absoluta, deu resultado, pero di que seguirá dialogando con todos.

-Que tal senta a vitoria?

-Moi ben, moi contenta.

-Esperaba o resultado?

-Sinceramente non, esperaba un bo, sermos os máis votados, pero non este.

-Como ve a corporación con tres grupos?

-Moi diferente á dos últimos anos, máis cómoda para o grupo de goberno, pero vou tratar de falar cos outros dous grupos e de chegar a acordos nos temas máis importantes para Betanzos, iso sen dúbida.

-Como no Plan Xeral?

-Seguirá o seu curso, levamos un ano traballando nel. Quero que sigan participando os outros grupos da corporación como se fixo ata o de agora.

-Falou xa con eles?

-Aínda non, a candidata do PP chamoume a noite do domingo para felicitarme. Vounos chamar antes do pleno de investidura.

-Cal vai ser o eixe do mandato?

-Darlle prioridade ás políticas para mellorar a calidade de vida da xente, e tamén á aposta polo patrimonio municipal.

-No caso do casco histórico e do Pasatempo, en que se vai concretar? Porque as maiores críticas son ao estado do patrimonio.

-Non o comparto, o patrimonio municipal, agás O Pasatempo, está moi ben. Neste catro anos recuperáronse o palco, o lavadoiro, o mercado, o conservatorio e maila escola, e está aprobado un tema do claustro, na Casa do Concello... Interveuse en case todos os edificios do patrimonio municipal. O tema do Pasatempo é diferente. Espero que o proxecto da parte inferior dos estanques non se demore moito, e remitirase a Patrimonio para que dea o seu visto bo para levalo a cabo. O proxecto espero que non tarde moito, xa sei que dixen hai tempo que ía estar, porque foi o que me trasladaron, pero non o está porque o tema é máis complexo do que parecía. Eu prefiro que tarde un pouco máis e se faga ben, por iso non o apurei para antes das eleccións.

-Faltaba unha axuda da Deputación.

-Non, está agardando o visto e prace da Xunta, pero o compromiso témolo e é firme.

-Hai veciños que reclaman unha maior aposta pola industria en Betanzos.

-A idea do Concello, e levabámolo no programa, é que veña máis industria para o polígono, porque crea riqueza e postos de traballo, polo que trataremos de aumentar as bonificacións para que se asenten empresas nestes anos.

-A maioría condicionará novos proxectos ou o programa?

-Para algunhas cousas, para temas como aprobar os orzamentos, dáche tranquilidade, pero para outro tipo non sempre.

-Balance do PSOE na comarca?

-Fantástico. Neste momento estamos vivindo un bo momento no PSOE. Conseguiuse un resultado fantástico en Miño, mellorouse en Bergondo, extraordinario en Culleredo, aquí, na Coruña... A área metropolitana respondeu moi ben.