Que negociar na comisión técnica Defensa-Concello da Coruña

Aqueles edificios ou terreos que hoxe ocupa Defensa e que cesan no seu uso deben ser devoltos ao patrimonio da cidade


Son preocupantes as noticias que aparecen nos medios sobre as negociacións entre o Ministerio de Defensa e o goberno municipal porque se parte dunha posición de claudicación ante Defensa, incumprimento dos acordos plenarios e non se están a defender con firmeza os intereses da Coruña.

Parece que o punto de partida é que A Coruña ten que compensar a Defensa pola devolución de tres parcelas no Campo da Estrada-Maestranza. E con esa premisa, o Concello solicitaba a relación dos terreos dese ministerio na cidade para, posteriormente, iniciar as negociacións, dando por suposto que Defensa debe recibir algo a cambio. Considero que esa negociación non pode ter outro obxectivo que a devolución ao Concello dos terreos no Campo da Estrada-Maestranza, rúa de Adelaida Muro, sen contrapartida algunha. Por outra parte, A Coruña non debe ceder a Defensa a plusvalía (50 %) que lle corresponde pola parcela de Agrela (antes cuartel do Parque de Automóbiles); pola contra, debería ser Defensa quen cedese ao Concello o 50 % restante para a creación neses terreos de actividade industrial e postos de traballo.

A manifestación do 7 de maio de 2017 co apoio de 70 entidades (entre elas Marea Atlántica, PSOE e BNG) e do pleno da corporación municipal tiña como lema Recuperar para o pobo o que é historicamente da Coruña. A Coruña non se vende. Isto significa que aqueles edificios ou terreos que hoxe ocupa Defensa e que cesan no seu uso deben ser devoltos ao patrimonio da cidade.

O pleno do 11 de abril de 2016, co voto a favor de Marea Atlántica, xa aprobou «pedir ao Ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación». Petición que foi aprobada, posteriormente, noutros plenos. A moción aprobada no pleno do 6 de marzo de 2017, en apoio da citada manifestación, lembraba os dereitos históricos da Coruña, moi anteriores ao convenio de 1984 entre Defensa e o Concello da Coruña. Lembremos que o goberno municipal da Coruña xa solicitaba en 1840 a devolución dos terreos do Campo da Estrada porque «El terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación, pues es de este pueblo». Eses son os dereitos que debe defender o goberno municipal e o alcalde nas súas declaracións públicas, e non un convenio asinado hai 35 anos que converte ao Ministerio de Defensa nunha auténtica inmobiliaria dedicada á venda e poxa de propiedades públicas, como denunciaba o propio presidente do PP, Antonio Couceiro, hai case 25 anos cando Defensa puña á venda o Hospital Militar: «Falta de sensibilidade de Defensa e do Goberno central, que propón unha negociación en termos mercantilistas e estritamente recadatorios».

Na parcela de Defensa en Adelaida Muro, cunha superficie en planta de 374 m2 e edificabilidade de 1.155 m2, Defensa do Común traballa coa Asociación de Veciños de Monte Alto para conseguir a devolución deses terreos ao patrimonio da Coruña e a construción dos equipamentos públicos que necesita o barrio. Ese é o camiño.

Por Manuel Monge Presidente de Defensa do Común

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Que negociar na comisión técnica Defensa-Concello da Coruña