Os viúvos e as viúvas non poden casar!

Por Xosé Alfeirán

A CORUÑA

Era costume nas clases populares, se o facían, darlles unha chocallada nocturna, ás veces durante nove días

19 mar 2019 . Actualizado a las 10:38 h.

Na cultura popular galega, as segundas nupcias nunca foron ben vistas, tampouco os matrimonios de vellos ou nos que existía unha forte diferenza de idade. Ese mesmo rexeitamento existía noutros lugares de Europa. Cando iso acontecía, a comunidade facía a esas parellas unha chocallada ou cencerrada en Castela, charivari en Francia ou skimmington en Inglaterra.

 A chocallada realizábase polas noites, durante varios días, ata un novenario, diante da súa casa, desde que se coñecían as súas monicións ou casaban.

Dirixidos polos mozos do lugar, un grupo numeroso de homes, mulleres e nenos, empregando chocos, cornos, caldeiros, latas e tixolas, facían un gran estrondo, daban berros desaforados, cantaban coplas e soltaban pullas alusivas, sexuais e groseiras, ao novo matrimonio; tamén podían levar bonecos, feitos de palla e trapos sucios, cos que ridiculizaban esa unión e aos noivos.

 Endogamia parroquial

Os antropólogos din que esas chocalladas tiñan o valor dunha reparación simbólica para os mozos que ven perder opcións no mercado conxugal e amosan os enraizados e discriminatorios estereotipos sobre a unión sexual existentes nas comunidades agrarias galegas, onde predominan a endogamia parroquial, o casamento entre iguais e os conflitos pola herdanza entre fillos.

O costume remóntase á época medieval e perdurou ao longo do tempo. En España desde finais do século XVIII foron perseguidas polas autoridades e no século XIX serían tipificadas, no Código Penal de 1870, como faltas contra a orde pública castigadas con multas. Aínda así, era práctica habitual, sobre todo no rural, como testemuñan os casos recollidos nos periódicos ata o século XX. Revisadas esas noticias, en La Voz de Galicia e en El Noroeste, encontramos algúns casos que aconteceron na Coruña. Son moi semellantes.

  

Da Galera á Torre

En 1898, na tarde do 22 de setembro, na rúa da Galera, un fato de rapaces, con latas, cornos e carracas, romperon a tocar fronte á casa onde vivían os recen casados Raimundo Conde e Dolores López. El era carabineiro e casaba por terceira vez. A chocallada a organizou un veciño seu, pasador, desairado.

En 1900, na noite do 18 de decembro, na rúa da Torre, uns 50 individuos, provistos de latas de petróleo baleiras, déronlle a chocallada a Benito Mosquera, viúvo desde facía uns poucos meses e que pretendía casar de novo.

Varias noites

En maio de 1902 padeceuna durante varias noites en San Roque de Afora, o pintor Ramón Fariña, viúvo de 34 anos que quería contraer segundas nupcias cunha veciña moza; tamén en novembro dese ano, os veciños de Orillamar fixeron unha monumental chocallada a un carreteiro, viúvo, desde facía 15 días, que presentara as monicións para casar de novo.

Con tiros e coplas

En setembro de 1903 aconteceu na Silva, con gran estrondo, tiros, pedras e coplas groseiras contra o albanel José Catoira, viúvo cincuentón que quería casar cunha moza con moitos menos anos ca el.

E o 13 de marzo de 1912, en Monelos, os veciños, con cornos, acordeóns, cacharros de lata e un enorme boneco, obsequiaron cun concerto a unha viúva chamada Cirila que anunciara a súa voda cun carniceiro tamén viúvo.