Emilio Rúa: «Josele adaptouse enseguida ao galego»

FErnando Molezún A CORUÑA

A CORUÑA

Oscar Doviso

Presenta o sábado no Colón «Duetos», disco no que conta, entre outros, con Pablo Milanés, Víctor Manuel ou o cantante de Los Enemigos

06 mar 2019 . Actualizado a las 10:54 h.

O músico ourensán Emilio Rúa vén de publicar Duetos, un ambicioso disco no que conta coas colaboración de cantantes como Pablo Milanés, Víctor Manuel, Carlos Goñi ou Rozalén, entre outros. O presenta o sábado no Teatro Colón (20.30 horas, entradas dende 6 euros) nun concerto con moitas sorpresas. 

-Como xorde este disco compartido?

-Sempre contei con colaboracións nos meus discos, pero tiña ganas de facer algo con artistas que me gustaban, independentemente de que fosen máis ou menos coñecidos. Con artistas que soasen distintos, e a moitos dos cales non imaxinarías cantando en galego. 

-E atrevéronse a cantar en galego.

-Moitos quixérono así, apetecíalles. Pero tamén hai temas en castelán, pois prestábame facer algo na miña outra lingua, e mesmo en portugués do Brasil. O importante era que encaixasen os temas, á parte da lingua na que estivesen cantados. E non lles custou nada. É certo que nunha primeira volta había frases que podían parecerlles trabalinguas, pero ensaiando un par de veces facíanas súas. 

-É que custa imaxinar a Josele Santiago cantando en galego, pero cadra ben.

-Pois foi un dos que mellor se adaptaron. É que pasa moito tempo en Galicia, vén todos os veráns por Bueu e ten moitos amigos por aquí, e iso nótase. 

-O cartel de colaboracións non pode ser máis ecléctico.

-Pero é que tamén as cancións son moi diferentes. Iso é o enriquecedor deste traballo. O punto en común entre todos era a miña forma de ver a música. 

-Compuxo os temas para cada un deles?

-Xurdiu todo ao mesmo tempo. Algunhas cancións xa as tiña, pero outras foron cambiando ao saber que as ía cantar cun ou outro artista. Por exemplo, ao principio mandeille a Víctor Manuel unha canción miña, e aceptou cantala. Pero revisando a súa discografía propúxenlle facer unha versión dun tema seu, Canción pequena, que resultou ser unha das súas favoritas, a pesar de que é unha das que menos se coñecen. Pero o Afástate que canto con Josele si que está en boa medida pensado para el. Cada canción ten a súa historia. 

-Contará con algún convidado no concerto do sábado?

-O ideal era contar con todos enriba do escenario, pero é imposible, claro. Aínda así vou contar con Rosa Cedrón, Josele Santiago, La Shica e Rebeca Jiménez, aos que lles estou eternamente agradecido.