Manuel Baldomir: «O ideal é que as obras empecen no segundo trimestre»

E. S. A CORUÑA

A CORUÑA

Cedida

O directivo da confraría asegura que o sector acolle a noticia con cautela

16 ene 2019 . Actualizado a las 13:21 h.

Non estiveron presentes na reunión do pasado martes, pero se verán directamente beneficiados pola rexeneración da ría. Manuel Baldomir, directivo da confraría de pescadores coruñesa e da agrupación de mariscadores, asegura que están optimistas, pero con cautela.

-Cautela por que?

-Porque durante moitos anos se nos fixeron promesas incumpridas. Cremos que este acordo para conseguir o financiamento é unha boa noticia, pero a tomamos con prudencia.

-Saben algo das alegacións que presentaron?

-Non. Pero dado o calado dun proxecto como este penso que deberían respondelas. Polo momento non sabemos nada.

-O secretario de Estado avanzou que a licitación sería inminente, no caso de que a Comisión Europea autorice a reasignación de fondos, e data a adxudicación para xullo.

-Para nós o ideal sería que as obras comezasen no segundo trimestre do ano porque entre marzo e maio, en plena primavera, é o desove máis forte do marisco, e poderíamos retirar a semente despois, na época adecuada, para depositala onde as máquinas non traballen.

-Suponse que con esta boa noticia xa non haberá máis convocatorias de concentracións.

-Cruzamos os dedos para que se desenmarañe este problema e o proxecto saia adiante coas máximas garantías. Esperamos poder reunirnos en breve co director de Costas para que nos explique o acordo de primeira man.