Bieito Romero: «No novo disco queríamos mostrar o tesouro que hai na Ribeira Sacra»

Fernando Molezún A CORUÑA

A CORUÑA

XESÚS BÚA

Luar na Lubre actúa mañá no Teatro Rosalía de Castro, onde presentará o seu último traballo discográfico

04 dic 2018 . Actualizado a las 13:18 h.

Luar na Lubre, como no anuncio, volve a casa por Nadal. Tras presentar o seu último disco por terras americanas recala mañá no Teatro Rosalía de Castro (ás 20.30 horas, entradas de 12 a 20 euros), con este Ribeira Sacra, un traballo que ten moito de emotivo e persoal, tal e como contou onte en Radio Voz Bieito Romero.

-O nome do disco xa explica de que vai o conto.

-Era o nome máis adecuado para a idea que tiñamos, un nome global, aínda que realmente o disco no contén toda a Ribeira Sacra, senón solo a parte de Ourense.

-E ónde quedou a parte de Lugo?

-É que atopámonos con tanto material que finalmente decidimos centrarnos na parte de Ourense. Pero máis adiante xa veremos que pasa, se facemos outra obra sobre a Ribeira Sacra de Lugo. Non o descartamos.

-E por que lle dedican un disco á Ribeira Sacra?

-É unha cuestión persoal. É parte da miña infancia, porque tanto meu pai como a miña nai naceron nesa zona. Eu pasei momentos inesquecibles alí sendo neno. Para min é algo moi próximo e familiar, quería facer este achegamento a esa terra.

-A vostedes se lles relaciona máis coa costa, pero nesta ocasión marcharon para o interior.

-Pódese dicir que é un disco de interior feito por xente da costa. É certo que a nosa música sempre estivo moi impregnada polo mar, pola Costa da Morte. Pero neste caso é por unha cuestión emotiva. Musicalmente, a Ribeira Sacra era unha zona erma, non se tiña feito nada así. Por iso queriamos demostrar que hai un tesouro importante alí.

-Veñen de tocar en América. Enténdese a Ribeira Sacra fora de Galicia?

-Vimos desta longa viaxe e a xente alí estaba marabillada coas historias da Ribeira Sacra. Funcionou moi ben.

-Mañá actúan na casa, no Rosalía.

-Iso é moi especial sempre. De feito temos preparadas varias sorpresas, con moitos convidados, como a coral de Ruada, de Ourense, que teñen moita presenza neste traballo. Ou Sés, que tamén subirá ao escenario. Ou Óscar Rosende, de Brothers in Band, que tamén ten lazos familiares coa zona, xa que é primo meu.

-E como será o concerto? Estará baseado totalmente neste último disco?

-Os nosos concertos son longos, de máis de dúas horas. Así que temos tempo para todo, para combinar a presentación dos temas deste último traballo -que non o tocamos enteiro, pero case- cos temas clásicos do grupo, eses que non poden faltar porque pertencen á banda sonora das vidas de moitísima xente.