O beaterio de Santa Bárbara do Cortiñal

Creado no século XIV, foi o antecesor do actual convento das Bárbaras na Cidade Vella da Coruña


A CORUÑA

A finais do século XIV e comezos do XV en diversas cidades dos reinos hispánicos, xurdiron novas formas de espiritualidade feminina. Grupos pequenos de mulleres laicas optaron libremente por vivir consagradas a Deus nunha casa particular transformada en beaterio. Organizadas de forma mancomunada e sen estar, inicialmente, sometidas a unha regra monástica, seguían unha vida recollida e de irmandade baseada na oración, no celibato e na mortificación, desenvolvendo ademais actividades de coidado de ermidas e igrexas, asistencia en hospitais, consolo aos veciños e incluso tarefas artesanais polas que recibían as esmolas necesarias para vivir. Moitos mantiñan vínculos con algunha orde relixiosa, especialmente á Orde Terceira franciscana, e darían orixe á fundación de conventos femininos.

Papa Uxío IV

Na Coruña as primeiras referencias que temos sobre a existencia dun grupo de mulleres irmás freiras non regradas data de 1444. Nun breve documento pontificio, asinado en Roma a mediados de maio dese ano, o papa Uxío IV concedeulle a Inés Afonso, freira da Orde terceira franciscana, e a outras seis irmáns, ocupar a ermida da Santa Cruz, que se atopaba naqueles momentos sen capelán. Dita ermida era de propiedade e padroado municipal e estaba situada nas proximidades da ermida de San Xoán. Tal concesión non se executou, pois a ermida seguiu sendo municipal, pero permítenos comprobar a forza dese grupo de mulleres freiras coruñesas que ten capacidade para acudir ao papa e conseguir o que pide. Podemos supor, por tanto, que xa levaba un tempo organizado e con influencias na cidade.

Meses despois, o 14 de decembro, sabemos que ese grupo de freiras ou parte del xa está a vivir nunha casa na rúa do Cortiñal, seguramente así chamada polas cortiñas dedicadas ao cultivo de hortalizas que nela existían (hoxe é a rúa Ferrerías). As historias de frei Jacobo de Castro, Enrique de Vedía e Goossens, Miguel González Garcés e, sobre todo, Dolores Barral Rivadulla permítenos coñecer que esa casa era propiedade de Dominga da Costa, muller do rexedor Afonso Piñeiro, e que había un oratorio dedicado a Santa Bárbara. Tamén coñecemos os nomes das freiras que vivían nela en 1444: Aldara Núñez, viúva do carpinteiro Gonzalo Folgar e vicaria da comunidade, María de Deus, Maior Domínguez, Maior Fernández e Constanza Álvarez. A súa conduta debía ser exemplar e considerada importante por e para a comunidade pois nesa data o nobre e rexedor coruñés Gómez Pérez das Mariñas failles doazón da casa e da horta que están pegadas á finca na que elas estaban.

Co paso do tempo, este beaterio sufriu un proceso paulatino de maior institucionalización e sometemento ás normas da Orde Terceira franciscana. Nese proceso algunhas mulleres abandonaron. Así o recolle a documentación conservada: «Sayronse della desendo que a vicaria lles madava gardar silençio e outras coussas alende da dita regla, e viven enna dita çibdade entre las seglares desonestamente do qual naçe infamia e escandollos». En 1450 o beaterio consolidou a súa existencia cunha nova doazón. Continuará.

Historias con historia

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

O beaterio de Santa Bárbara do Cortiñal