José Luis Cuba: «Para evitar envelenamentos, recomendo empezar polos piñeirais»

A CORUÑA

Este micólogo autodidacta ten como un dos seus lugares favoritos para ir ás setas Monfero

14 nov 2018 . Actualizado a las 16:30 h.

Din que o cogomelo á vista non medra nada. Pero José Luis Cuba ten tan bo llo que os pilla todos. Este micólogo autodidacta gañou tantas veces o Concurso de Setas das Pontes que acabou formando parte do xurado. Agora tenta convencer á xente de que non cometa a tolería que cometeu el. «Empecei a coller setas sen ter apenas coñecemento e estou vivo de milagre. Tiven moita sorte», di.

-Cal é o mellor sitio da comarca coruñesa para apañar cogomelos?

-Un dos mellores lugares é Monfero, porque ten diferentes hábitats, tanto frondosas como coníferas. Esa zona, tirando cara Irixoa e o val de Xestoso, teñen bos e axeitados piñeirais, así como frondosas.

-Qué recomenda vostede para evitar envelenamentos?

-Empezar polos piñeirais, porque aí hai setas que non teñen perigo de morte. Neles, practicamente non existen setas tóxicas. O problema é cando o bosque é mixto. Con pinos e frondosas hai que ter coidado. Eu teño que recomendar á xente que non se meta soa no monte. Que visite a unha asociación experta ou a un micólogo. Que non fagan coma min.

-Vostede como empezou?

-Saíndo cunha guía. E algúns deses libriños deixan moito que desexar. Recoñezo que me arrisquei.

-Ten saído xa ao monte este ano?

-Si, saín pola zona do Ortegal e chamoume a atención que abriron setas onde a herba estaba seca.

-Cómo se pode explicar este fenómeno?

-Pois, como a humidade non estaba, aproveitaron o resto das néboas. E abriron igual.

-A natureza segue o seu curso.

-Si, todo vai a xogo. Aínda que o tempo non axuda, elas saen igual. Ademais, cando arrefría o tempo, non saen, pero a temperatura da auga é elevada.