Xulio Ferreiro: «Xa non somos os mesmos que en 2015»

O rexedor perfila unha campaña na que a Marea xa non venderá «a ilusión do novo», senón o feito neste mandato


A Coruña / La Voz

A oito meses das eleccións, Ferreiro encara unha campaña na que, di, non está a pensar. «Estou pensando en rematar o traballo neste mandato», afirma. Se no seguinte segue como alcalde, será o último, porque deixou claro desde o principio que o cargo non o mantería durante máis de oito anos.

-Como augura que será a campaña?

-Non o sei. En canto ás formas, ao mellor non cambia moito, pero o fondo si. Xa non somos os mesmos que en 2015, nestes anos aprendemos, medramos, temos outra perspectiva das cousas, de como funciona a institución. Agora xa non podemos mover unha campaña baseados só na ilusión do novo ou na impugnación do que se está a facer. Agora necesitamos tamén demostrar que durante estes catro anos nos volvemos máis solventes. Eses valores non podían estar en 2015. Eramos os novos, agora xa non somos tan novos, tampouco tan vellos, pero temos que presentarnos cun balance do feito.

-Despois de tres anos na alcaldía, a política engancha ou é ao revés?

-Sempre fun crítico coa política desde fóra. Desde dentro no só non cambiei de opinión, senón que a fortalecín. Seguramente hai xente á que isto lle gusta moito. Eu hai partes coas que estou encantado, o orgullo de ser alcalde da túa cidade, a relación co 99 % da xente coa que falas, a intención de sacar as cousas adiante e facer as cousas mellor, de construír unha cidade mellor. Todo isto ilusiona e empurra, a pesar da parte sumamente desagradable que ten a política, ver que ao teu redor hai moitísima xente á que o interese xeral é o último que lle importa.

-Di Jorquera que con vostede sempre tivo un trato cordial, pero que a Marea non sabe alcanzar acordos e que ten a mandíbula de cristal. Que di vostede do BNG e do seu candidato?

-Teño unha boa relación con el, efectivamente. Creo que o BNG non arrisca nada co candidato. Máis ben é un candidato que funciona ben cara a dentro. Seguramente sexa unha das razóns polas que o escolleu.

-Beatriz Mato di do seu partido que, segundo a Marea, quen non estea con eles é «un facha». Que pensa de Mato e do PP?

-O PP xa sabemos o que é. Xa o dixeron os xulgados, tivo montada unha trama ao servizo da corrupción. Sabemos que intereses defende, os de quen máis ten, e moitas veces os propios. Beatriz Mato, máis alá de que é unha persoa moi agradable no trato, representa esa liña dun PP sen proxecto para Galicia, onde os números non melloran e os grandes problemas están sen resolver.

-O PSOE aínda non ten candidato, pero, cre que podería pactar con eles despois das próximas eleccións?

-Non estou pensando no día despois das eleccións, estou pensando en rematar o traballo neste mandato e en presentarme para revalidar a maioría ou incrementala.

-Está satisfeito do cumprimento do seu programa?

-Si. Nunca se fixo ao final dun mandato unha auditoría de cumprimento dun programa. Todos tiñamos un pouco asumido que os programas eran no mellor dos casos unha declaración de intencións. Hoxe nós temos un 70 % cumprido e con máis dun 20 % en proceso.

-A execución orzamentaria foi baixa nos dous primeiros anos. Como está agora?

-Non o podo precisar, pero son porcentaxes comparables con calquera ano do mandato anterior [La Voz solicitou o dato de novo trala entrevista, pero o goberno local non o facilitou].

-De que está máis satisfeito deste mandato?

-Estou orgulloso de que as políticas urbanísticas neste Concello non as marquen os promotores inmobiliarios. Foi difícil fixar criterios claros e que se asumisen. Orgulloso de que esta cidade recuperase a memoria histórica, orgulloso da renda social municipal... Sobran motivos.

-E menos?

-Non hai nada do que me avergoñe. Gustaríame ir máis rápido en todo, pero un choca coa realidade administrativa. Que poderiamos ter feito cunha situación máis normalizada? [A Marea está en minoría e rexeitou un pacto de goberno]. Ás veces un tamén pensa qué puido ter feito mellor para que iso ocorrese.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Xulio Ferreiro: «Xa non somos os mesmos que en 2015»