«A Marea está nunha fuxida cara adiante, a falta de asunción de responsabilidades non está á altura do seu discurso»

Xosé Vázquez Gago
X. Gago A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

19 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Avia Veira é a voceira do BNG, respondeu nun rato libre mentres preparaba o pleno de hoxe sobre os pisos.

 -Abordou ben a Marea a crise?

-Básicamente hai unha fuxida cara adiante, a falta de asunción de responsabilidades non está á altura do discurso que fixeron.

-Coa dimisión da funcionaria depurouse a responsabilidade?

-O público, que tan de moda está defender, susténtase en dúas patas: funcionarios e políticos. Sempre interveñen os dous, pero os últimos son responsables porque asinan. Xiao Varela asinou a resolución do concurso e Alberto Lema asinou as compraventas. A funcionaria non é a única pata que sostén o proceso administrativo, para que rematase eran necesarias as outras sinaturas.

-Que faría vostede se estivera na pel de Varela ou Lema?

-Non quero ser soberbia, pero creo que nunca chegaría a estar nesa situación. Penso que o BNG sería máis coidadoso cun proxecto que a Marea considerou clave e fundamental, e nós non acreditamos en fuxidas cara adiante.

-Non é anómalo que un pleno inste a dimitir a dous concelleiros?

-É anómalo, pero tamén é anómala a situación. Creo que a oposición e o Consello Consultivo están sendo moi claros. O que me chama a atención é que a Marea non tome outra decisión que estea á altura do seu discurso.

-O BNG dixo dende o principio que se vulnerou a libre concorrencia. Vense reafirmados?

-Hai que pensar en que lugar queda o Concello cando aplica mal as súas propias bases, e como con ese incumprimento se vulnera a libre concorrencia. O concelleiro de Contratación [Alberto Lema] negouno de forma taxativa, e iso e moi grave porque temos un responsable de contratación que non distingue cando hai libre concorrencia. Niso hai responsabilidades políticas. Nós sempre dixemos que unha cosa é a culpabilidade xudicial e outra que a actuación pública sexa ética. Neste caso non se actuou ben.

-O resto da oposición ten moi presente que o ofertante dos pisos é un asinante da Marea. O BNG non tocou moito ese tema.

-Partimos de que calquera se puido presentar porque era un procedemento público e aberto. Outra cousa é que fora un contrato menor ou unha adxudicación a dedo, pero sendo aberto todo o mundo ten dereito a entrar.

-Ese feito puido provocar a «fuxida cara adiante» do goberno, ao ser máis complicado asumir erros cun asinante polo medio?

-Non creo. En xeral, o goberno entende todas as críticas que fai a oposición como un ataque. Fan un discurso vitimista, do que temos falado, que é moi incoherente co listón tan alto que se puxeron na campaña. Os problemas non veñen de que se presente un asinante, veñen de que non tiveron coidado co proxecto, que non comprobaron minimamente que os pisos cumprisen as bases, e que non recoñeceron os erros.