«A miña vida é viaxar, cando teño tempo libre escápome por Galicia»

Chegará mañá a Dombate con «Lugares Máxicos» e en decembro actuará na Coruña

.

Carballo / La Voz

Entradas esgotadas para o concerto de Carlos Núñez (Vigo, 1971) en Dombate, Cabana, que terá por convidadas ás violinistas Kiana June Weber e Antía Ameixeiras mañá e cos que pechara os concertos galegos da súa xira Lugares máxicos. Pero anuncia que virá á Coruña en decembro.

-Os seus inicios na música están ben ligados á Costa da Morte.

-Cando comezamos, en xeral toda a zona norte de Galicia se portou moi ben con nós, pero especialmente a Costa da Morte. É moi doado dar apoio unha vez estás consolidado, o complicado é cando estás tratando de darte a coñecer, e non hai que esquecer iso. Lembro ese primeiro concerto en Ponteceso, por exemplo.

-Non hai moito que foi recoñecido, precisamente en Ponteceso, nos premios Bos e Xenerosos.

-Un pracer. Sentín que era o mesmo grupo de veciños e a mesma vontade que nos apoiou hai vinte anos, e que aínda hoxe seguen facendo cousas pola música e pola cultura galega.

-Unha relación que vai, mesmo, máis aló do aspecto profesional.

-Fíxate que eu creo que non moitos galegos temos experiencias pola Costa da Morte, a veces é máis doado traer a unha persoa de fóra que a unha persoa de aquí. Eu teño a sorte de gardar lembranzas marabillosas.

-¿Viaxa moito?

-Eu seguramente son un caso un pouco raro, porque como a miña vida é viaxar continuamente, cando teño un momento libre gústame coller o coche, escaparme e percorrer Galicia, e por suposto a Costa da Morte está sempre entre os destinos favoritos.

-¿Qué escoita no coche?

-Estou continuamente bruxuleando en todo tipo de músicas.

-Mañá, cita en Dombate.

-Efectivamente, e será o derradeiro concerto en Galicia que faremos no marco desta xira. Este verán decidimos facer nove en total pola nosa terra, e sempre en lugares emblemáticos como castelos medievais, paradores, templos... En todo caso espazos que se saen dos tópicos que tan pouca xustiza fan á música e que non axudan a valorizala. A acollida foi boísima, todos os concertos ata arriba de xente. Marabilloso, estou moi contento pola resposta do público.

-Un bo xeito de coñecer eses «Lugares máxicos».

-Por suposto. Hai unha cousa curiosa, e é que máis da metade do público que asistiu a estes concertos veu de fóra -Cataluña, Madrid, Francia...- cantidade de xente que mesmo programou as súas vacacións en torno a estas citas, ou que mesmo repiten! Adaptamos o repertorio ao que pide cada lugar e estamos facendo unha especie de percorrido por mil anos de historia, comezando mesmo polos instrumentos do Pórtico da Gloria.

-¿Por qué é Dombate «máxico»?

-Coñecino hai anos por amigos da zona, que me levaron alí, e non só ao dolmen en si, senón tamén ao que significa, e ao feito de que sexa un monumento literario que simbolizou unha cultura milenaria no seu día. Somos conscientes do seu valor, e por iso fomos moi coidadosos de non facer o concerto no propio recinto arqueolóxico, senón na explanada exterior.

-¿Algunha outra cita na provincia de aquí a finais de ano?

-Pois si. Dende hai uns anos temos establecida unha xira de Nadal que xa é tradición e que pechamos sempre en Barcelona. Este ano pasará pola cidade da Coruña o 22 de decembro. Pronto anunciaremos o lugar exacto.

-¿Praia ou montaña?-¿Peixe ou carne?-¿É bo cociñeiro?-¿Gústalle o cine?

Para cotillas

-¿Praia ou montaña?

-Depende dos momentos. O mar é sempre a miña inspiración, pero tamén é unha experiencia incrible tocar de noite no monte.

-¿Peixe ou carne?

-Carne para comer e peixe para cear, para ter moita enerxía nos concertos.

-¿É bo cociñeiro?

-Nunca tiven moito tempo para explorar esa faceta, pero hai algo que me fascina: produtos do país, cociñados en auga de mar e cunhas folliñas de loureiro, ata un mal cociñeiro coma min o pode facer.

-¿Gústalle o cine?

-As maiores experiencias que teño son profesionais. Recoñezo que non son eu o que vai o cine, senón que é el o que vén a min. Hai ese paralelismo: o cine é como un disco gravado, o teatro é un concerto en directo. Os músicos facemos ambos.

«Cando se lle dan oportunidades á música tradicional, como se fai coas outras, funciona»

Carlos Núñez reflexiona sobre o futuro da música neste momento e as vías de distribución da mesma, un tema que segue xerando debate no sector. Internet axudou, considera o músico vigués, pero non chegou a ser esa «ferramenta prometida» no seu momento para a difusión dos contidos culturais.

-O especial que é tocar na casa.

-Súper especial, e sobre todo cando a xente pon da súa parte e colabora para facer posibles estes concertos. A música está nunha espiral de aparente gratuidade: cartos públicos que financian macro concertos de mainstream, en vez de ir para sanidade, educación... Están moi ben esas citas de rock, ou de calquera outro xénero, pero deberían ser sustentadas coa propia billeteira. Esta circunstancia, sumada ao pouco valor que se lle está a dar á música tradicional, déixanos nunha situación de gran desvantaxe. A tradicional non é unha música minoritaria, cando se lle dan as oportunidades de brillar, como se fai coas outras, funciona. Cando se fai ben, claro está.

-¿Qué opinión ten das plataformas musicais de pago?

-Aló polo 2001 xa sabíamos que no mundo da música se aveciñaba un cataclismo, e que o dixital acabaría coméndose ao formato físico. Non nos fixeron caso. ¿Qué ocorre cando Internet está xa posicionado? Que se nos vende que esta era a verdadeira oportunidade para escoitar músicas do mundo enteiro sen a mediación das casas discográficas e sen que as multinacionais controlasen aos artistas e ás músicas. A auténtica liberdade global. Agora pregúntome: ¿Foi iso así? ¿Os mozos deixaron de escoitar exclusivamente mainstream? Seguimos estando atados aos países «que mandan» e ás principais cidades produtoras de música: Miami para o mundo latino, e Nova York para os anglosaxóns.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A miña vida é viaxar, cando teño tempo libre escápome por Galicia»