Xesús Redondo Abuín: «Aos 25 anos o partido envioume a aprender a ler e escribir a Moscú»

O histórico comunista de Asados presentou as súas memorias, «Alentos e desalentos dun de tantos»

.

a coruña / la voz

Naceu en Asados, onda Manuel Antonio. Aprendeu a ler e escribir en Moscú aos 25 anos. Recita os versos célebres -«Fomos ficando sós / o Mar o barco e mais nós. / Roubáronnos o Sol ...»- e di: «Iso é para sempre». E lembra a panela de peixe da súa nai, moitos días baleira, ao sabio Manolo Coulán, un zapateiro enfermo que lía o xornal e llelo contaba aos veciños, e a súa marcha con 17 anos ás minas de Asturias fuxindo da fame. Xesús Redondo Abuín, militante do Partido Comunista, perseguido, preso e torturado polo réxime de Franco, presentou onte na casa de Casares Quiroga as súas memorias, Alentos e desalentos dun de tantos (Andavira), aos 78 anos.

-Cal foi o motor da súa militancia á parte da fame?

-A fame. O obxectivo era comer todos os días. Despois a militancia reafírmase coa loita política.

-Como foi a súa primeira detención?

-Na folga do 58 na mina da Camocha. Tocoume distribuír pasquíns no camión que nos levaba desde Xixón e entre nós ía un policía camuflado. Leváronme, pero ocorréuseme unha escusa con bo resultado. Dixen que pensaba que distribuía un chamamento para unha espicha de sidra. Eles comprobaron que eu non sabía ler nin escribir e soltáronme. Ás veces a policía equivócase, afortunadamente.

-E que fixo cando o soltaron?

-Marchei a Amieva, un sitio formidable, paradisíaco, a policía non ía nunca, pero eu era un rapaz de 20 anos e necesitaba levar algo aos meus ollos, non? Así que marchei á Felguera, unha mina moi castigada, había malleiras, prendían á xente. E despois da gran folga do 62 andei seis meses fuxido ata que me facilitaron un pasaporte e me sacaron a Francia. Os comunistas de París buscáronme traballo nunha química de Estrasburgo, insalubre e mal pagado, 500 españois alí, porque os franceses non traballaban nesas condicións, entón fixemos unha folga, e ao me identificar déronme 72 horas para marchar por estranxeiro indesexable, ha, ha, ha. Era presidente De Gaulle, e ministro, Pompidou, a cal máis cabrón para nós. Moito bouraron en min! Peor ca Garda Civil.

Abuín marchou a Moscú, andado o tempo solicitou o seu pasaporte, denegáronllo, pediu amparo á ONU, déronlle un laissez-passer para entrar en España, nada máis cruzar a fronteira foi detido no tren polo colaborador da Gestapo Melitón Manzanas, sufriu secuestro seis meses nun galpón «a onde me levaban rancho cando se acordaban», foi enviado ao Sáhara... E aínda había ser tiroteado nunha revolta e sentenciado a 11 anos de cadea tras un xuízo «con ruído de sables no que moitos non puideron nin abrir a boca». Cando recuperou a liberdade, morto xa «o tunante de Ferrol», a súa camarada Marta Marroquín, «a muller que ten o mérito de terme salvado a vida no penal de Cádiz», sen coñecerse, veuno ver a Galicia e decidiron continuar xuntos.

-E como ve o mundo?

-A gran putada agora é que parece que todos somos iguais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Xesús Redondo Abuín: «Aos 25 anos o partido envioume a aprender a ler e escribir a Moscú»