Homenaxe a todas as mulleres da cidade

Xulia Santiso DIRECTORA DA CASA MUSEO PARDO BAZÁN

A CORUÑA

22 may 2018 . Actualizado a las 10:24 h.

Cando lle fan este monumento, Emilia Pardo Bazán tiña 65 anos e xa lograra altos estrados. Nalgún deles fora pioneira. Parece redundante aludir ao feito de que grazas á súa presenza activa na elite cultural da época, protagonista nos altos cumios da intelectualidade, abriulle as portas á muller a espazos onde non se concibía a súa presenza; era xa unha escritora de éxito, dramaturga, directora de publicacións periódicas de contido cultural e social; comentarista da actualidade social, cultural e política nos mellores xornais de España, Arxentina, Cuba e Galicia; atenta ao rural e ao urbano; editora, contista, intelectual, e galega que vive en Madrid a metade do ano desde a súa separación matrimonial.

A homenaxe que nos ocupa (comezada a xestionar desde Lugo) ofrecéuselle en vida, sendo unha honra excepcional. Non había demasiados antecedentes ao feito de que a persoa homenaxeada inaugurara o seu propio monumento e ela mesma decidiu non asistir ao acto de inauguración, sendo representada polo seu primoxénito, Jaime, e a súa filla máis nova, Carmen Quiroga. Asistiu máis tarde ao banquete homenaxe, para 300 convidados, que se celebrou no mercado da Praza de Lugo, e alí agradeceu o xesto e aproveitou para pedir maior presenza da muller nos asuntos públicos.

Pouco despois (1920) asistiu ao descubrimento da placa co seu nome na rúa da cidade que a vira nacer.

Cando en 1971 a executiva da Real Academia Galega celebra a conmemoración do cincuentenario do falecemento da escritora ante este mesmo monumento, mostra agradecida o vínculo desta institución coa familia, despois de que Blanca Quiroga, a derradeira filla con vida de Emilia Pardo Bazán, fixera doazón da vivenda da rúa Tabernas como sede desta institución, quen se ocuparía de sustentar un museo na honra da súa nai.

Hai algún tempo pois que este monumento vén recompilando visitas e formando parte dunha cidade que como poucas cidades do mundo teñen nome literario. Marineda foi incorporada aos espazos da alta literatura grazas á presenza de Emilia Pardo Bazán; a súa novela La Tribuna (1883), que ten na Fábrica de Tabacos o seu espazo central, rende homenaxe a todas as mulleres desta cidade e á propia maneira de ser dos seus cidadáns.

Por iso a súa figura debe estar alí.