Anxo Vigo: «Antes quería cantar en galego e non me deixaban, agora si»

A CORUÑA

O cantautor que gravou tres discos entre os setenta e os primeiros oitenta volve con «A ledicia de ser galego»

15 may 2018 . Actualizado a las 12:26 h.

Levaba Anxo Vigo moitos anos de silencio editorial e na súa volta, quixo sacar unha espina que tiña cravada: poder lanzar un disco íntegro en galego. Trátase de A ledicia de ser galego, que presentará mañá no auditorio da Afundación, ás 20.00 horas. O recadado na billeteira será para a Cociña Económica.

-Haberá xente que se leve unha sorpresa cando o volva ver cunha guitarra.

-Si, hai trinta anos vivía da música, pero logo, nos oitenta, o de sempre: fillos na universidade, a hipoteca do piso, o coche e se me presentou unha oferta de traballo. Deixeino. O primeiro é a familia.

-E como volveu a gravar?

-Xubileime e gravei a canción Paxariños de Galicia. Tivo moito éxito en Luar e empecei con isto. Antes quería cantar en galego e no me deixaban. Agora si, o fago en galego.

-Que artista o levou a tocar?

-Miña nai [risas]. Regaloume unha guitarra cando eu tiña 13 e morreu cando cumprín 14. Sempre me quedou iso aí. Con esa guitarra empecei a ir a clases, a compoñer.

-Quen lle gustaba?

-Víctor Manuel, e o que para min é o número un: Joan Manuel Serrat.

-E que lle inspiraba?

-As vivencias da vida. A canción de Paxariños de Galicia remite á miña infancia, porque sempre andaba tras os paxaros. Outras dedicadas a esta terra, porque me sinto un namorado de Galicia. Estou moi orgulloso. E que se me poñen os pelos de punta só de falar diso. Rosa miña, dedícolla á miña muller.

-Recuperará no concerto temas antigos?

-Non, porque non están traducidos ao galego. E creo que non quedarían ben aí. O próximo fareino ao 50 % para que a xente o recorde.