Luis López González: «Estabilizamos os restos do castro, agora hai que empezar a traballar»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O arqueólogo e director das escavacións de Elviña propón que a entrada dos visitantes sexa desde a terceira rolda e darlle pulo a un xacemento «do que descoñecemos moito»

12 may 2018 . Actualizado a las 11:29 h.

«Eu vou do palpable ao simbólico», asegura Luis López González, arqueólogo e director da última campaña de escavacións no castro de Elviña. Faino para deixar claro que non entra en conxecturas, só achega os datos técnicos sobre un xacemento no que «agora si se pode ver a súa dimensión porque con estas escavacións queda moito máis monumentalizado». Está «satisfeito» dun traballo duro, debido, entre outras cousas, a que choveu a maior parte dos sete meses que estiveron escavando. Ese resultado é o froito da labor de «16 persoas na escavación, e no laboratorio bastante máis xente: un equipo interdisciplinar». Aínda quedan as tarefas de documentar e historiar os materiais que atoparon. Pensa que esta campaña pode supor un punto de inflexión no castro de Elviña, pero di que agora son os responsables do mesmo os que teñen que decidir o seu futuro. Mañá, ás 12.00, celebrarase a primeira visita guiada desde que remataron os traballos.

-Como resumiría o traballo desta campaña?

-O que se trataba era de estabilizar un xacemento que se leva escavando desde hai moitas décadas e os restos están bastante deteriorados. Con esta intervención o que se pretendeu, ademais de sacar toda a información posible, foi estabilizar eses restos. A partir de agora é cando se ten que empezar a seguir traballando neste xacemento, do cal descoñecemos bastante da súa historia.

-Por que se debería facer a entrada de visitantes desde a terceira rolda?

-Porque si en algún momento se fai aí unha recepción de visitantes entrariamos por un camiño no que, coa imaxinación, podemos trasladarnos a dous mil anos atrás e ver a dimensión do poboado. Entrar por ese lado, de costas a cidade, sen ruído, axuda a ver a potencialidade deste xacemento. Atopamos un muro moi ben feito, con uns piares de pedra importantísimos, bastante altos e que formaban o que era o portón de entrada, unha fachada alta que estaba adintelada. Esta era unha das portas importantes, aínda que non a principal.

-É un dos catro sitios que escavaron nesta campaña?

-Esa entrada descubriuna Fidel Méndez nas escavacións do 2013. Agora atopamos as súas características que dimensionan este poboado, pero non deixa de ser un elemento moi puntual do que é. Eu penso que ten moitísimas máis sorpresas e, sobre todo, o importante é que está nun terreo municipal e que pode dar moitísima información sobre os procesos históricos que aconteceron neste sitio.

-Canta xente puido chegar a vivir neste poboado?

-Nesta cultura non temos datos dos enterramentos. O xacemento de San Cibrao de Las, en Ourense, ten oito hectáreas e aí polas unidades familiares que se puideron documentar estamos falando dunha comunidade dunhas 2.000 persoas. Aquí poderiamos falar de mil e cara atrás.