Brais Morán: «Miña música non é nada rexionalista»

A CORUÑA

Iria Vilas

O músico emprende unha xira por toda Galicia para presentar o seu último disco, «No Mato do desespero»

26 abr 2018 . Actualizado a las 11:40 h.

Brais Morán presenta novo disco, sen dúbida o traballo máis ambicioso que ten realizado ata agora. Titúlase No Mato do desespero, e ten detrás unha historia de investigación musical e de homenaxes máis ou menos ocultos. Mañá arranca unha xira que o levará por toda Galicia en Lugo, o domingo estará en Santiago e o 11 de maio recalará na Coruña.

-De onde sae o título do disco?

-O collín prestado do poeta José Craveirinha, de Mozambique, porque é un dos seus versos. E por outra banda, Fran Pérez Narf xa tiña usado este poema, así que tamén é unha homenaxe a Narf. Así que o adaptei a min, xa que o meu segundo apelido é Mato, por iso No Mato do desespero vai en maiúsculas. Ademais, veño dunha época de moito desespero no musical, de querer ir máis alá, buscar camiños máis inconformistas. Esa é a idea que está neste disco.

-Ese desespero nótase nas cancións?

-É moito máis ecléctico do que tiña feito ata agora. Hai funk, pero tamén ecos da África, de Brasil... É un disco de músicas do mundo.

 -O desespero non ven por como está o tema da música a día de hoxe?

-O desespero é un berro, para deixar claro que aquí estamos, nesta profesión de facer música, que é moi difícil. Pero é tamén un canto a esperanza. De feito o último tema do disco chámase A esperanza do desespero. Esas dúas palabras están moi presentes no disco, aínda que cada canción é un mundo e non se parece a anterior.

-Que queda de Loretta Martin neste traballo?

-Sempre hai algo de Loretta Martin. E neste disco con máis motivo, xa que está Fran Sanz no baixo e na produción, que xa estaba comigo na época de Loretta Martin. Aquela música e aquel espírito están dentro de este disco.

-E había algo deste son actual en Loretta Martin?

-Totalmente. De feito Loretta Martin xa tiña unha chiscadela moi ecléctica. Tiña un estilo moi marcado polo funk, pero Brasil e África sempre estiveron moi presentes na nosa música, como a música portuguesa ou a galega. O que pasa é que agora pesa máis ese eclecticismo en este disco, porque hai máis variedade. Como galego, sempre estiven aberto para o mundo. A miña música non é nada rexionalista, senón que está aberta a todas as influencias posibles.

 -Di que o disco é en certa medida unha homenaxe a Narf.

-É que con Narf sempre compartín moitas influencias musicais. Éramos moi amigos e segue estando moi presente para min. Boa parte deste disco fala de Narf ou está dedicado a el. Educounos musicalmente e é unha mágoa que moitos non chegaran a coñecelo. Creo que se lle valorou moi pouco. E cando estaba na mellor época artística, deixounos. Tardouse moito en darlle valor ao que facía.