Rubén Lado: «Temos un tecido turístico prestixioso e moi competitivo»

MONTSE CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

XOAN A. SOLER

O investigador recolle citas e premios por un artigo científico sobre turismo cunha mostra de 8.992 hoteis

30 abr 2018 . Actualizado a las 21:54 h.

Seguindo a liña principal da súa carreira científica, a economía do turismo, o profesor da UDC Rubén Lado Sestayo (Muros, 1989) publicou en 2016 un artigo de investigación na revista Tourism Management, que en a penas un ano situouse a unha cita de entrar no 1 % dos traballos científicos sobre economía máis citados do mundo. A análise, sobre unha mostra de 8.992 hoteis xeorreferenciados, vén de recibir o premio ao mellor artigo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo.

_Cal foi o obxecto do traballo?

_O traballo analiza a relación do rendemento coa localización, o destino turístico, a ocupación e estacionalidade. En cada destino illamos o efecto da localización para ver en que medida a rendibilidade do establecemento depende do seu xestor ou da ubicación, ou canto achega a ubicación á marxe da empresa. Tamén vimos que a máis ocupación a concentración é máis pequena e compítese máis.

_Que concluíron?

_A concentración de mercado, un maior nivel de demanda e a eficiencia afectan positivamente á rendibilidade. E a diversificación e as economías de escala son relevantes. A contribución deste traballo ten que ver coa xestión hoteleira e do destino turístico. Aínda que teñen conflitos de intereses o xestor do hotel e o xestor do destino poden colaborar fundamentalmente na ocupación, para incrementar o tamaño dos hoteis e mesmo reducir o endebedamento.

_O turismo non acaba de recibir a atención conforme ao seu impacto na economía. Que falta?

_Falta que socialmente sexamos conscientes de que o sector turístico español é moi competitivo. Son as nosas fábricas. Igual que Alemania ten a súa produción industrial, cos seus impactos, aquí temos un tecido produtivo turístico moi competitivo e moi prestixioso internacionalmente. Parece razoable que se lle poñan certos límites, sí. E fóra diso sería bo que os xestores de hoteis e de destinos colaborasen máis estreitamente en puntos comúns para aproveitar sinerxías que non se están a aproveitar.

_E os profesionais?

_Ao turismo fáltalle atraer talento multidisciplinar, abrirse a outros ámbitos. Os establecementos van precisar enxeñeiros, informáticos, médicos... Pero o turismo aínda non ten o glamour doutros sectores. Dille a un alumno de Medicina se quere traballar no spa dun hotel...