«A adxudicación do cárcere foi impecable e exemplar»


a coruña / la voz

No último ano, Xulio Ferreiro tivo que afrontar severas críticas por cuestións que tocaron a medula do ideario e o programa de Marea Atlántica. A adxudicación dos usos da prisión a Proxecto Cárcere, colectivo do que formaron parte membros do goberno local; a adxudicación de contratos a asinantes do manifesto da Marea, ou mesmo a posición mantida en relación co desafío independentista de Cataluña. Adiantou que aspira a ser candidato á alcaldía en 2019, pero precisa que sempre que Marea siga sendo o mesmo que foi en 2015, un espazo de confluencia e non unha sopa de letras. Non cre que Podemos concorra en solitario. Preguntado en Voces de A Coruña, de Radio Voz, sobre se cre que a súa posición, para algúns condescendente co independentismo, pasaralle factura, dixo: «Non o sei. Cando expreso as miñas opinións non o fago dende o cálculo electoral (...) Son o alcalde dos que ían as manifestacións independentistas e dos que poñían bandeiras españolas nos balcóns».

-Pasado o ecuador do mandato, tería cambiado algo do que fixo?

-Un toma decisións en base as circunstancias e ao coñecemento das cousas que ten nese momento. Arbitrar o partido unha vez que remata non ten sentido.

-Hai críticas sobre limpeza e abandono viario.

-Un entende que se creen estados de opinión ou que poda haber críticas que sexan demasiado agresivas. A limpeza e o mantemento da cidade é algo que piden os veciños sempre baixo calquera goberno municipal, todo o mundo está preocupado polas fochancas, a limpeza, as cacas dos cans. A concesionaria é responsable, pero tamén puxemos en marcha mecanismos para apoiala. Aquí sempre hai unha parte subxectiva e outra obxectiva. A nós correspóndenos traballar na obxectiva.

-Vaise retirar o botellón dos xardíns?

-O botellón trae asociados problemas como o consumo e venta de alcohol a menores, e aí estamos atacando. Sobre o tema da limpeza, en corporacións anteriores o que se fixo foi desprazalo de zonas onde causaba problemas de ruído aos xardíns. E aí, efectivamente, provoca problemas de limpeza e coidado do espazo público. A limpeza a reforzamos, e o coidado hai que reforzalo tamén con vixilancia policial etc. O botellón rematará o día que os mozos queiran facer outra cousa. Se conseguimos que haxa un centro como o que queremos nas naves de Metrosidero, poderemos ter alí a rapaces que prefiran as actividades que alí se fagan que acudir ao botellón.

-Pecouse de permisividade cando se okupou a Comandancia?

-Permisividade, non. O que non había naquel momento era unha razón urxente para empregar a forza, ademais das dúbidas xurídicas sobre a titularidade dos terreos. Era un edificio abandonado e no momento da okupación non sabiamos que ía pasar coas obras porque ao cambiar o goberno o proxecto desaparecera do perfil do contratante de Fomento.

-Agora se houbera risco de que se perda o investimento, ordenaría vostede o desaloxo?

-Temos a intención de convencer pola forza das ideas. É moi difícil poñerse en contra do proxecto, porque asegura que vai ser un espazo de uso público, e hai moita xente que non quere acudir a un espazo que é ilegal. Non é admisible que unha minoría moi minoría intente impedir que se faga o proxecto.

-O seu programa di apostar máis pola xente que polo cemento e pola participación cidadá nos investimentos. A gran obra do mandato será a cuberta de Riazor, sobre o que non houbo consulta.

-Consultamos á cidadanía nun proceso pioneiro neste mandato que son os orzamentos participativos. O ano pasado un millón de euros e este ano tres millóns. O caso de Riazor é unha obra non buscada, non era un proxecto estrela co que nos presentaramos ás eleccións, pero ten que ver co benestar e a seguridade da xente que cada quince días acude a Riazor. Temos algunhas cubertas do ano 82 e que tiveron un mantemento moi deficiente. Segundo o convenio con Deportivo, as cubertas son da nosa responsabilidade e estamos obrigados a facer ese investimento. Estaba avanzado do goberno anterior, pero xurde un problema e ante a perspectiva dun preito decidimos converter un problema nunha oportunidade. Entra dentro da marxe do poder de decisión do goberno municipal sen furtar á cidadanía poder participar nos investimentos.

-Segue defendendo que a adxudicación do cárcere foi impecable dende todos os puntos de vista?

-Impecable e exemplar. Iso tamén forma parte desa estratexia do PP de atacar ao goberno simplemente con mentiras e difamacións. O PP levou a vía xudicial o asunto, e agardo que cando a sentenza confirme a legalidade do procedemento a señora Rosa Galego pida desculpas dunha vez. A súa difamación estase levando por diante a xente que non ten nada que ver con este goberno municipal.

«Se alguén ten dúbidas sobre os contratos que acuda aos tribunais»

Nestes meses afeóuselle ao alcalde e ao grupo de goberno a firma de contratos municipais, por valor de máis de 300.000 euros, a asinantes do manifesto fundacional de Marea Atlántica.

-Defende eses contratos?

-O manifesto da Marea está firmando por máis de tres mil persoas, algunhas delas incluso se presentaron en listas doutros partidos. Persoas que dicían en 2014 que estaban fartos da corrupción do PP e doutros partidos. A partir de aí o que non vou permitir nin entrar a analizar é unha caza de bruxas a persoas que dixeron que non están de acordo co PP. Se a partir de aí se intenta vincular con Marea Atlántica a empresas que levan traballando décadas co Concello da Coruña por ter un empregado que un día asinou un manifesto, non vou entrar a examinar a catadura moral. Os procedementos de contratación son absolutamente transparentes e legais. Se alguén ten dúbida que acuda aos tribunais. Que iso o diga un partido que ve a súa derrota entre outras cousas por montar unha trama de colocación de amigos hai que ter moito cuajo.

-Hai algunha cousa no programa que xa sabe que non se vai poder cumprir?

-Si. A residencia universitaria, porque xa se fixo nun lugar diferente de onde dicía o programa electoral de Marea Atlántica

-O prezo do autobús non baixou, segue sendo o mesmo.

-Si, segue sendo o mesmo. Non subiu en catro anos. Pero aínda non rematou o mandato.

-Os fondos da renda social, proposta estrela da Marea, fóronse reducindo. Houbo un erro na diagnose da situación que xustificaba a promesa?

-Cando un inicia un programa non ten asegurado cal vai ser o custe real e canto vai tardar en coller ritmo. Durante dous anos fixemos unha dotación superior e recriminóusenos. Este ano tiramos polo baixo e se despois é necesario xa meteremos máis cartos, e critícasenos tamén. Agora temos datos máis fiables e incluso pode que o diñeiro se nos quede corto porque haxa máis persoas que podan acollerse a esa renda social.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«A adxudicación do cárcere foi impecable e exemplar»