«Tocar na casa é unha responsabilidade, pero tamén é sempre un pracer enorme»

La Voz

A CORUÑA

XESÚS BÚA

Luar na Lubre está celebrando o seu 30.º aniversario cunha interminable xira que recala hoxe na Coruña cun concerto especial de Nadal

19 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre regresa a casa polo Nadal, e o fai cun concerto especial, cargado de sorpresas, segundo conta o propio Bieito Romero. Terá lugar esta tarde no Teatro Rosalía de Castro, ás 20.30 horas, con entradas que van dos 6,50 aos 14 euros.

-Este concerto de Nadal pódese dicir que está dentro da xira do 30.º aniversario?

-Podes dicir que estamos pechando a xira, pero realmente non rematará ata que saquemos o seguinte disco, que estará pola primavera. E alí empezaríamos a nova xira.

-Rematan unha e empezan con outra!

-Pero estamos moi contentos, porque esta xira foron uns cen concertos ata o de agora e con cheos en todos os lugares onde actuamos, que foi por todas as comunidades do estado pero tamén en México, Bretaña, Portugal...

-De ese próximo disco escoitei falar xa hai un tempo, si é o que está inspirado na Ribeira Sacra.

-É. Trátase dun disco conceptual no que estivemos traballando alí mesmo todo o que foi o seu embrión, e que xa estamos entrando no estudio para gravar. A idea é que saia sobre o mes de abril. Teño moita ilusión con este proxecto sobre a Ribeira Sacra, que para nos é patrimonio da humanidade e agardamos que pronto o declare así a Unesco. A verdade é que a miña familia é de por alá, así que a min tócame dunha maneira moi directa.

-O concerto de mañá ten realmente algo de especial ou simplemente, como cae en decembro, chamádeslle «Especial de Nadal»?

-Iso é moi certo, pero neste caso si que é un concerto especial. De entrada porque é na Coruña, e tocar na casa sempre é unha responsabilidade, pero tamén un pracer enorme. Ademais imos ter unha serie de convidados que van facer un espectáculo diferente ao resto. Por outra banda, é de Nadal pola data e porque imos presentar unha cantiga na que estamos traballando -de feito aínda non a temos rematada de todo-, que é un Canto de Reises, así que é moi propio para estas datas. Vai ser unha presentación exclusiva.

-Quenes son eses convidados que estarán no escenario?

-Estará con nós a Coral de Ruada, de Ourense, cos que temos unha longa relación, estamos irmandados con eles. Temos tamén a unha rapaza de Vimianzo que ten unha voz espectacular, Irma Macías; Irene Cerqueiro, que é sobriña do noso frautista e filla da primeira cantante de Luar na Lubre, Ana Espinosa; dous gaiteiros que son Pablo Rosales e o meu fillo Bieito; unha parella de bailaríns que estarán no escenario... Entre todos danlle ás cancións outra dimensión. Vai ser moi atarefado, pero tamén moi divertido, con moito movemento.