A Roda reivindica a súa faciana actual ao cumprir 40 anos

Montse García Iglesias
Montse garcía REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

SANDRA ALONSO

O grupo de música tradicional gravou o seu primeiro disco en directo para festexar o aniversario

19 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Soamente tres dos actuais músicos de A Roda naceran cando en outubro de 1977 daba os seus primeiros pasos, pero aínda que variaron os nomes dos compoñentes sobre o escenario ao longo de todos estes anos, o que se mantén é o seu traballo para difundir a música galega. Agora, a formación festexa este 40 aniversario co seu primeiro disco en directo, A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira. «Reflexa o latexo do grupo, a musicalidade de hoxe. Mostra unha Roda actual, lonxe daqueles mitos e estereotipos de A Roda da taberna, do que tampouco nunca imos renegar, porque é o celme, pero queremos demostrar que podemos facer outro tipo de concertos», manifestou Alfredo Dourado, un dos compoñentes do grupo. 

No disco inclúense dezaseis temas. Así, xunto a cancións que os acompañaron durante toda a traxectoria, como O gato, O andar miudiño e Pousa pousa, figuran outros creados directamente para a ocasión, con temas de autor e algún instrumental. «É unha declaracións de intencións de que fixemos 40 anos e queremos durar 40 máis», engadiu Dourado nun acto co resto de integrantes do grupo -Christian García, Xan Barcón, David Cabaleiro, Alex Nores e Manoele de Felisa-, no que estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no pazo de San Roque. «O grupo promoveu sempre a lingua galega nun ámbito que non é fácil chegar», asegurou García. 

A Roda vai facer unha xira de aniversario. «Queremos que a música galega e a de A Roda poida chegar ao resto de Europa e do mundo», asegurou Manoele de Felisa.