Gallego Jorreto ingresa na Academia de Belas Artes unindo arquitectura e natureza

No seu discurso como membro de honra destacou o natural como clave para construír o urbano


O arquitecto Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) ingresou onte como membro de honra da Real Academia Galega de Belas Artes cumprindo un vello anhelo da institución, que durante anos procurou a súa incorporación ao cadro de académicos sen conseguilo. «Sempre se negou», descubriu o arquitecto Celestino García Braña na súa resposta ao discurso do agasallado. «Finalmente conseguímolo, vencendo as súas reticencias, pero queda tranquilo, Manolo, non o tomes como unha homenaxe van, senón como unha ocasión para falar da arquitectura, da túa arquitectura». E así foi. No museo coruñés de Belas Artes, que el mesmo creou e que lle valeu o premio nacional en 1997, Gallego entregou, «abafado e desconcertado» pola distinción, unha fonda reflexión formal sobre a relación entre arquitectura e natureza «como campo de especulación creativa». «Desde que rematei a carreira en 1963 todo cambiou, fíxoo varias veces e sempre en dirección distinta. Con todo, hai algo que permanece: o acto de dar resposta aos impulsos que nos levan á acción creativa», adiantou no arranque da intervención.

Los predecesores

García Braña aclararía máis tarde que desde o inicio da súa traxectoria e en cada un dos seus traballos, Gallego «centrou a súa ambición, ¡inmensa ambición!, en desentrañar en que consiste o labor último do arquitecto». E onte, poucos meses despois do ingreso como académico de honra de Álvaro Siza e dos menos recentes de Rafael Moneo e Andrés Fernández-Albalat, o autor da residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío aproveitou a cerimonia para repensar «un tema de fondo: a presenza da natureza na arquitectura a través do soporte conceptual que os une; é dicir, as relacións que existen entre a orde natural e a creada artificialmente».

A arquitectura popular rural, expresión cultural anónima fondamente conectada coa natureza e «aquí en Galicia singular e importante», abriu o relato sobre os cambios na relación desde as construcións preindustriais ata a globalización. A revolución industrial, «as novas formas urbanas ás que houbo que inventar nome», o Movemento Moderno e o esquecemento da natureza, o pensamento estruturalista, a termodinámica, Wright, as escolas escandinava e portuguesa, o pazo e os xardíns xaponeses de Katsura, os templos gregos, a aparición do desenvolvemento sostible.

Un discurso rigoroso, sólido -«para ler», anotou un oínte-, desembocou nun final que chegou para cuestionalo todo: «O mundo natural está sendo suplantado por outro, feito polo home, que en parte vai incorporándose á natureza, ao substituíla», advertiu o arquitecto. O mundo natural precisa un novo significado que o converta en referencia, apuntou, para inspirar a construción dun novo medio urbano. «Ás veces penso que Galicia podería ser así», confiou Gallego antes de pechar a reflexión con unha pregunta: «En que medida queremos que o home sexa o protagonista da súa arquitectura, das súas cidades e da súa paisaxe?».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Gallego Jorreto ingresa na Academia de Belas Artes unindo arquitectura e natureza