Marina Mayoral redescubre a Rosalía no seu ingreso con honra na RAG

M. Carneiro A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Marcos Míguez

Franco Grande eloxia «a proxección internacional da súa personalidade literaria»

02 dic 2017 . Actualizado a las 23:31 h.

Na casa familiar de Emilia Pardo Bazán -unha das figuras centrais do seu traballo académico- leu onte a escritora e catedrática da Universidade Complutense de Madrid Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) o seu discurso de ingreso como académica de honra na Real Academia Galega, ao que respostou en nome da institución Xosé Luís Franco Grande, académico de número e amigo persoal desde hai medio século da tamén articulista de La Voz de Galicia.

Preto de cincuenta anos despois de doutorarse cunha tese sobre a poesía de Rosalía na que concluíra «dun modo contundente e pouco matizado» -corrixiu onte- que Manuel Murguía destruíra as cartas da súa muller para protexerse a si mesmo, Mayoral sostivo onte que «a intención fundamental de Murguía foi protexer ante a posteridade a imaxe» da poeta, «a única persoa para min sagrada», escribiu o home, nun xesto máis dunha longa cadea de actuacións na mesma dirección, entre elas, animala a escribir e combater o desánimo ante a súa propia obra.

Os rumores de Murguía

A mudanza daquela primera interpretación xuvenil á análise que achegou onte naceu dunhas palabras incluídas no artigo Las literatas. Carta a Eduarda, un texto sobre a condición feminina no que Rosalía trata de disuadir á súa interlocutora de dedicarse á tarefa de escribir, advertíndoa das dificultades que lle traerá para atopar marido. A poeta «bótalle unha flor a Murguía», pero axiña se pon a si mesma como exemplo: «Dise moi correntemente que o meu marido traballa sen cesar para facerme inmortal. Verso, prosa, bo ou malo, todo é seu; pero sobre todo, o que lles parece menos malo».

Ese «dise» sementa a dúbida de Marina Mayoral. «Quizáis as murmuracións das que se queixa teñan un fondo de verdade», deixa caer a catedrática logo de aclarar que lle gusta dicir «ao comezo quen é o asasino».

Guiada por esa narrativa, que Franco Grande celebraría minutos despois como «un artificio de primeiras sorprendente», a escritora mindoniense foi tecendo o discurso entre citas de investigadores e apuntes sobre a complexa relación entre Rosalía e Murguía. A disposición da parella para casar, a admiración del -e a apatía dela- polo seu traballo, as insistentes disquisicións sobre a fraqueza da natureza feminina feitas pola muller «que escribiu os versos máis profundos da literatura española do século XIX» e, ao cabo, os ataques a Pardo Bazán que lle serven a Murguía para facer un panexírico da súa muller, contrapoñéndoa a dona Emilia, modesta, bondadosa, carente de vaidade e afán de gloria, compasiva, resignada, «unha mártir [...]. Rosalía vai camiño de converterse en ‘a santiña’, está a consolidarse o proceso de mitificación».

A Murguía só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía íntima que só el debía coñecer e non se axustaba a esa imaxe, para completar o seu labor de enaltecemento. «Pero equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón».

Marina Mayoral, que vive en Madrid desde os 19 anos, dedicou a parte final do seu discurso á lembranza, por momentos emocionada, da casa de Ramón Piñeiro en Santiago, «para min un verdadeiro fogar». Tamén á universidade onde estudou Filosofía e Letras, a casa dos seus en Mondoñedo -«a onde quer que eu vaia, van comigo»- e as páxinas de La Voz, «onde puiden dicir sempre o que penso e o que sinto, que era o que Rosalía quería para as mulleres».

Levou Galicia con ela

Un aplauso pechado precedeu á resposta de Xosé Luís Franco Grande a «unha personalidade literaria xa de proxección internacional» que levou «o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto» ás tribunas académicas de Harvard, Berkeley ou La Sapienza. Franco Grande lembrou a brillantez de Mayoral nos seus primeiros anos en Santiago, a finais dos 50, e os seus encontros arredor da «mesa braseiro» de Piñeiro nun tempo de formación da que sería unha das grandes autoridades en Pardo Bazán. E lembro que é autora de ensaios, artigos, 18 novelas, sete libros de relatos e unha obra narrativa «moi rica, por veces de moita ousadía e sempre suxestiva».

«Murguía destrúe as cartas para protexela»

Satisfeita de ter transmitido ben -«a maneira de aplaudir e as caras dicíanme que si»- o seu traballo sobre Rosalía, así e todo académico, e agradecida por unha distinción que non repara na súa residencia fóra de Galicia, Marina Mayoral deitou onte «luz e perspectiva», salientou o presidente da RAG, sobre unha figura xigante.

-O mito de Rosalía foi unha construción de Murguía?

-Murguía axuda a esa construción da imaxe de nai dos galegos, que fala das inxustizas que sofre o pobo, que loita por eles, que recupera o galego como lingua literaria. O mérito é dela, pero Murguía destaca iso e procura que se esquezan os posibles fallos. Destrúe as cartas para protexela. Ela é o símbolo do pobo galego.

-Como era a muller que aparecía nas cartas?

-Unha Rosalía que se queixaba, á que lle parecía mal que Fernán Caballero lle contestara oito meses máis tarde ou que Pardo Bazán non lle fixera unha visita, porque ela fora literata antes e a súa familia tamén era fidalga...

-Era alegre?

-Iso din as fillas, pero segundo Barreiro as fillas dicían o que Murguía dicía que tiñan que dicir.

-Como era a relación co home?

-Non o sabemos. Algunha carta fai supoñer que nalgún momento se sentía pouco atendida por el, como muller, non como literata.

-Máis alá da imaxe que nos chegou, cal é a súa interpretación na Galicia contemporánea?

-Rosalía é unha das grandes poetas universais porque trata da soidade existencial do ser humano, un ser que vive na inmanencia dun mundo ao que foi arroxado e non lle atopa o sentido. Nin á morte dos nenos, nin á inxustiza, nin aos pobres. Un ser humano só, como ela di, «levaba todo comigo, levaba a miña propia dor», e non hai máis. E iso é a poesía existencial do século XX.