«Os mundos de Carlos Casares» despréganse na Fundación Barrié

A mostra ordena 800 pezas da familia e estará ata o 23 de xullo


a coruña / la voz

Son 800 pezas cedidas polos fillos do escritor, Håkan e Christian Casares Berg, das que os moitos libros, cartas, fotografías e documentos sobre a súa dimensión pública ocupan un espazo importante, mais non o esencial, que aniña tamén en moitas pezas íntimas vencelladas coas súas afeccións e o seu universo de coleccionista, trens, cámaras de fotos, cinematógrafos, exemplares de O principiño ou minúsculos cabaliños de cores tallados en madeira polo propio Carlos Casares (1941-2002) e gardados na exposición que onte se presentou na Fundación Barrié nunha caixa dedicada á súa muller, Kristina Berg (1948-2012).

«A mostra recolle obxectos que hai na casa, cos que o meu irmán e máis eu convivimos desde que somos nenos e aos que non lles dás máis valor que o cotián», presentou Håkan Casares, acompañado dos comisarios Gustavo Garrido e Chus Martínez, e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, que levará a exposición a catro municipios da provincia despois do peche na Barrié o 23 de xullo. Tamén estaban os arquitectos Creus e Carrasco, autores do deseño da montaxe, que de acordo cos distintos espazos que a acollen -aquí chega desde a pequena zona C de Santiago- desprégase en estruturas modulares e autoportantes diversas con caixas de madeira de piñeiro que custodian e amosan as pezas.

Os mundos de Carlos Casares, que se completan con cinco preciosas pezas audiovisuais dos artistas Andrea Vázquez e Damián Varela, inspíranse nos relatos de Vento ferido (Galaxia, 1967) -primeira obra do autor de Xinzo da que se cumpre o 50.º aniversario-, e trazan un percorrido pola súa traxectoria literaria, política e cultural en cinco apartes, desde os primeiros anos en Ourense e a relación con Tovar ou Risco, á etapa en Santiago con Piñeiro e os seus inicios como profesor, ás viaxes por Europa e o encontro con Kristina Berg, a entrada na Real Academia e no Parlamento, e os últimos anos como novelista consolidado e presidente do Consello da Cultura. «Queriamos que a exposición fose diferente porque Carlos Casares era diferente. Queriamos crear curiosidade e que o espectador investigue».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Os mundos de Carlos Casares» despréganse na Fundación Barrié