Vilalba dedica un premio literario a Fernández Paz

La Voz VILALBA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

A súa vila natal e o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) veñen de crear o galardón de narrativa infantil e xuvenil que leva o nome do autor

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A pegada de Agustín Fernández Paz, falecido o pasado verán, está presente na literatura galega recente, pero estarao tamén na dos vindeiros anos. O Concello de Vilalba, a súa vila natal, e o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) veñen de crear o premio de narrativa infantil e xuvenil Agustín Fernández Paz.

O galardón xorde cunha dotación económica de 3.000 euros, cantidade que se entregará ao autor da única obra á que se lle concederá premio; pero nace tamén cunha firme aposta polos valores da igualdade, pois as bases recollen que as obras deberán conter temáticas vencelladas co compromiso da igualdade de xénero, de raza ou de nacionalidade.

O prazo de presentación de orixinais abriuse esta semana e pecharase o 12 de xullo, día no que se cumprirá un ano do falecemento do escritor. O ditame do xurado anunciarase no mes de outubro.