A cuarta edición de «A Radio Conta» dedicada a Agalure

A CORUÑA

A entidade que educa e sensebiliza contra a ludomanía será a protagonista do programa de radio do día 3 no teatro Rosalía

27 dic 2016 . Actualizado a las 10:55 h.

O teatro Rosalía Castro acollerá o día 3 de xaneiro, desde as 17.30 horas, unha nova edición da iniciativa solidaria «A Radio Conta». Este é un programa realizado e emitido de forma simultánea por sete emisoras públicas e privadas da Coruña co obxectivo de visibilizar o traballo de asociacións e entidades sociais da cidade, «ademais de render homenaxe ás e aos profesionais da radio local», sinalou Moncho Viña, condutor deste especial na presentación do mesmo. Así, a cuarta edición de «A Radio Conta», na que colabora o Concello cedendo o teatro Rosalía, recadará beneficios a prol da Asociación Agalure, entidade que educa e sensibiliza contra a ludomanía e outras adiccións desde hai máis de 20 anos.

O programa especial contará coa participación de convidados como o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, actores como Paco Lodeiro ou Martiño Rivas; ademais das actuacións de Cántigas da Terra, Curtis e Teixeiro, Sés, Os da ría e Sito Sedes. No desenvolvemento do programa implicaranse xornalistas de Radio Voz, COPE, Onda Cero, Radio Coruña, Radio Galega, RNE, Radio Marca así como Arturo Lezcano, Xaime Arias e Sabela Romar.

O programa terá lugar entre as 17.30 e as 20.00 horas, a entrada ao teatro Rosalía será libre, con donativo voluntario, ata completar a capacidade e tamén se pode colaborar a través dunha fila cero.

No ano 2013 «A Radio Conta» pasou a formar parte da historia da radio en España ao converterse no primeiro programa de radio en unir sete emisoras públicas e privadas na cidade da Coruña para realizar unha emisión solidaria en conxunto.