«A Universidade ten que mellorar a eficiencia, non lle queda outra»

MONTSE CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Quince días despois de tomar posesión, Del Valle traballa nos orzamentos e estima ben planificada a xestión do persoal

04 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguidor de vello do Deportivo, dos campos de terra, Ramón del Valle López (A Coruña, 1962) emprega un símil futbolístico para salientar un dos desafíos principais que ten por diante a Universidade da Coruña. «Cando o Deportivo gañou a Liga eu non pensei “agora non quero gañar máis títulos de Liga”. Pensei “a ver se o ano que vén o gañamos”. Esa palabra tótem que é a eficiencia non é un cambio, senón unha evolución, un andar todos os días. A Universidade ten que mellorar a eficiencia, non lle queda outra, e eu teño a sensación de que aquí existe esa implicación, entre toda a comunidade, que a UDC é un organismo». Del Valle, coruñés de Santa Margarita e licenciado en Dereito, leva escasamente dúas semanas na Maestranza, foi e veu a unhas xornadas sobre xerencia universitaria en Castellón, e advirte o imprevisible da xestión do persoal. «Aquí non hai casuística posible, son persoas, licencias, fillos, vacacións, permisos... É a vida. Cando estudei a carreira, o Dereito do Traballo non era especialmente atractivo, pero quizais sexa o que máis a pé de rúa e na trincheira está», di.

-¿Como foi o desembarco? Vostede vén dun ámbito moi distinto, da Consellería de Facenda.

-Foi unha marabilla. Efectivamente eu veño dunha consellería, que é un departamento dun organismo moi grande como é a Xunta, pero o labor non é moi distinto. Hai usos e costumes diferentes e trátase de facer o mellor traballo posible, intentar resolver problemas e mergullarse na propia dinámica da organización. A grande novidade é ese colectivo de persoal docente e investigador e a especial relación que teñen coa contorna social. Na Administración iso non pasa. Esa interacción coa sociedade, esa transferencia de coñecemento, tan directa e tan do día a día, chámame moitísimo a atención e é moi estimulante.

-Hai outra mirada á Universidade moito máis distante...

-Si, probablemente a cidadanía non ten esa percepción. Non sabe da actividade que se produce nas áreas de coñecemento, os proxectos de investigación que implican a empresas, os convenios, os spin-off. A universidade ten un obxectivo fulcral que é retribuír á sociedade todo o que esta lle dá, e o xerente ten que coñecelo e poñer os medios para que todo o que produza a universidade se traslade á contorna social.

-As contas da Universidade son moi xustiñas.

-Os orzamentos teñen que ser equilibrados, pero si, hai que traballar nos ingresos.

-¿Por que vías?

-Non só polas fontes de financiamento clásico. Pola investigación, as patentes, a implicación coas empresas, o mecenado. A cátedra Inditex e o programa InTalent son un exemplo. Pero a canle é o Vicerreitorado de Investigación. Nós somos a sala de máquinas, a intendencia, os que nos ocupamos de que os proxectos teñan unha boa traxectoria e un bo fin, e de que a máquina estea engraxada. Implica labor burocrático e administrativo, e iso facémolo nós. E cumprir os obxectivos porque de aí vén o financiamento. Todo na vida é un paso, e despois outro e outro máis. Se fas ben as cousas un ano, para o seguinte terás un mellor crédito para facer outras.

-¿Que retos ten por diante?

-Agora os orzamentos. Están moi avanzados, mais temos que agardar pola Lei de Orzamentos Xerais de Galicia, porque para pechar gastos hai que pechar ingresos. Tamén estamos na implantación da contabilidade analítica, que é un mecanismo de control e coñecemento para intentar avaliar a eficiencia, o custo que teñen as cousas, o que é rendible e o que non, algo importante como tarxeta de presentación e unha obriga para os organismos financiados polos cidadáns, despois dunha decisión da Intervención Xeral da Administración do Estado. É normal que tanto quen financia coma os cidadáns queiran ter coñecemento de se as actividades dos financiados son rendibles. A ver se para o curso que vén podemos ter avanzado e coñecernos mellor.

-¿Na xestión do persoal?

-Penso que está ben planificada. Cando non hai problemas non hai que inventalos. Supoño que mañá ou dentro dun mes xurdirá algún. Hoxe mesmo [a entrevista fíxose onte] teño una reunión coa xunta de persoal onde probablemente me trasladarán cuestións que a min no se me ocorren, tomarei nota e mirarei a maneira de amañalo. Pero honradamente penso que está ben planificado. Estamos coas bases para un concurso de traslados, cun proceso de promoción interna, coa oferta de emprego público para o ano 2017, o proceso de funcionarización está practicamente rematado. Están marchando as cousas como teñen que marchar. Afortunadamente, os meus antecesores fixeron un labor extraordinario. Esa é a verdade, honradamente.