«Estamos satisfeitos, aprobaron os dez alumnos a proba ao Bachibac»

Dolores Vázquez OLEIROS / LA VOZ

A CORUÑA

Tralo éxito desta primeira promoción augura un crecemento desta dobre titulación en Galicia

25 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Vidal López (Pontevedra, 1954) leva oito anos como profesor de Francés no IESP Plurilingüe Xosé Neira Vilas, único centro que imparte o Bachibac en Galicia, unha dobre titulación de bacharelato español e baccalauréat galo, da que acaba de saír a primeira promoción. Superaron unha proba externa os dez alumnos que se presentaron a ela.

-Vostede foi o impulsor do Bachibac no centro.

-Fun un deles, se non estivese o profesor Xosé Antón García non se podía facer, porque tiña que ter un docente de disciplina non lingüística que tivera un B2 para impartir clase de Xeografía e Historia e de Cultura Científica en francés. Impulsámolo entre os dous, presentámolo ao claustro e a Xunta aprobouno hai dous anos.

-¿Augura un crecemento do Bachibac?

-En Galicia instaurouse o ano pasado, pero en España implantárase no curso 2010-2011 e comezaran seis centros e agora hai oitenta. Se é como nas outras comunidades haberá progresión. Por exemplo, en Cataluña, unha compañeira dicíame que están desbordados. Teoricamente aquí debería de aumentar e a Xunta quéreo.