Franco Grande reflexiona sobre o tempo no seu último poemario

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

A CORUÑA

Xoán Carlos Gil

«Xoguetes do tempo» vén de ser publicado pola editorial Galaxia

22 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A cita do poeta latino Ovidio, Tempus edax rerum (o tempo destrúe as cousas), sérvelle de eixo a Xosé Luís Franco Grande para construír o seu último poemario, Xoguetes do tempo, publicado polo selo Galaxia. O traballo editorial foi presentado onte na Casa do Libro de Vigo, nun acto no que o autor contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o director xeral da editora, Víctor F. Freixanes.

«Somos xoguetes do tempo; nós somos tempo e cando desaparecemos, desaparece o tempo en relación a nós. Ese é o tema do libro, o paso do tempo, e o seu carácter destrutor», sinala o escritor tomiñés.

Dende o aspecto formal, o libro non presenta diferenzas respecto aos dous poemarios anteriores. «As formas expresivas ás que eu recorro son sempre o hendecasílabo, a silva e, nalgúns casos, o soneto», recorda o autor do primeiro dicionario galego-castelán.

A pesar de que o tema destes versos apunta cara o aspecto destrutor do tempo, Franco Grande anota que non pretende ser pesimista senón realista. O autor engade que este libro está na liña do que vén facendo dende hai xa máis de cincuenta anos. «É unha poesía ao marxe das modas porque a min as modas non me interesan porque é o que pasa de moda», explica á vez que subliña que a súa poesía pode ser definida como intimista.

Xosé Luís Franco Grande exerceu en Vigo a profesión de avogado e, na actualidade, é membro de número da Real Academia Galega. Autor do xa histórico Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), a súa obra poética publicouse reunida no ano 1987 no volume Herdo de memoria e tempo.