«Hai alternativas ás grandes estrelas con prezos moito máis mesurados»

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

Pese á urxencia, salienta os bos resultados das celebracións do verán

01 sep 2015 . Actualizado a las 11:20 h.

Como concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande foi o encargado da organización e programación das festas de María Pita, as primeiras da Marea que a pasada fin de semana chegaron ao seu fin.

-¿Tiveron tempo realmente de organizalas?

-Foi algo de urxencia, pero coido que conxuntamos o necesario co real.

-¿O que se viu foron as festas da Marea ou haberá que esperar ao ano próximo?

-Faltou tempo e houbo cousas mellorables, pero tentamos ser realistas. Pese á urxencia, si foron as nosas festas e houbo cousas novas, como a descentralización e a transparencia, fomentando a rede lúdica de toda a cidade sen renunciar á tradición de toda a vida: a Sinfónica, un Noroeste expandido... E déronse os primeiros pasos para facer un programa participativo, contando con programadores alleos. Aínda foi a pequena escala, pero afondaremos nesa liña.

-¿Cal foi finalmente o gasto total?

-Algo menos dun millón de euros, moito menos que nas anteriores, pero demostramos que funcionamos ben con moitísimos menos cartos. É unha austeridade necesaria e pódese facer algo digno cunha cantidade mesurada. A austeridade viña dada, pero tamén tiña algo de aposta e o verán que vén moverémonos outra vez nesa liña orzamentaria. O que é desmesurado é o prezo dos concertos, que supoñen o 60 % do gasto. Hai que facer unha reflexión, pero coas tarifas de mercado conseguimos axustar bastante ben. Hai alternativas ás grandes estrelas, de calidade, con prezos moito máis mesurados.

-¿Que lle gustaría mellorar nas próximas?

-Pois quedaron pendentes actividades de letras e do audiovisual ante a perspectiva de non facelo ben, a ciencia puido ter o seu lugar. Nos vindeiros meses traballaremos cos axentes culturais e cidadáns de xeito transversal e crearemos mesas sectoriais de ilustración, artes plásticas, letras... E de aí xurdirán proxectos e apoiaremos iniciativas cidadáns.

-No musical, ¿o que se escoitou será a liña que seguirán nos vindeiros anos?

-Si, porque a aposta pola pluralidade debe existir, mesturando o tradicional e o moderno e tamén explorando vangardas sonoras que é un dos puntos débiles da cidade.

-O Noroeste funcionou moi ben nas prazas, tal vez non tanto na praia. ¿Seguirá nesa liña?

-Analizaremos o que aconteceu este ano. O esquema foi bo coa austeridade e a multiplicidade de espazos. Cabe buscar propostas musicais que dean máis coherencia á oferta, analizar o papel dos grupos locais e queda a dúbida de si cinco días está ben ou chega un menos. Ademais veremos unha reformulación dos espazos municipais con máis atención aos creadores locais.

-¿Por que non se fixeron públicos os prezos dos concertos desde o inicio?

-Había urxencias nun primeiro momento e tiñamos o compromiso de xuntar toda a información e ofrecela conxuntamente. E seguiremos coa mesma liña de transparencia informativa.

«Queremos favorecer todo o universo construído en torno á Sinfónica»

Hai cousas que desapareceron e non volverán, os touros. Outras, reforzáronse, como o Salón do Cómic, que «é unha das nosas apostas estendida a actividades durante todo o ano con Viñetas como epicentro do verán».

-¿Sábese canto vai custar a anulación dos touros?

-Seguimos en contacto coa empresa e estamos á espera de que haxa unha decisión económica final. O trato foi cordial e legalmente o temos claro.

-¿Está pensando xa na vindeiras festas?

-Estamos meditando aspectos a desenvolver, a aposta debe ser a pluralidade e reforzar marcas coma o Consorcio da Música e a Sinfónica. Queremos favorecer todo o universo construído en torno á Sinfónica: haberá máis actividades vinculadas a ela na tempada 2016-2017, que celebra os 25 anos.

-¿Satisfeito no global?

-Foi un bo ensaio, real, e que reverteu na poboación, con concertos cheos, máis artistas locais e máis presenza nos barrios.

-¿Que pasou co concurso de empanadas?

-Pois foi un cambio de formato axustado á austeridade. É necesario crear algo novo fronte a un concurso que tiña un custe para o Concello. Se poden pensar opcións.

-Pero non ten nada contra a empanada...

-[Risas] Nada de nada.