«Na pintura trátase de que a xente se vexa e se recoñeza»

A CORUÑA

A exposición pictórica de Marta Paz, «Currunchos», pode visitarse na capela de San Roque, en Sada, até finais deste mes

20 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen queira darse un baño de frescura pictórica pode pasarse estes días pola capela de San Roque, onde expón a artista Marta Paz Naveira (A Coruña, 1976) uns traballos que levan por título «Currunchos» e que son cadros de formato pequeno de recunchos de Sada, nos que pintora xoga coa luz e coa vitalidade da súa pincelada. A capela permanecerá aberta a próxima semana de 10.00 a 14.00 horas e a última do mes -remata o día 30- de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

-¿Por que Sada?

-Este é un proxecto que empecei o ano pasado: chegar a un pobo e abordalo e retratalo en formato pequeno, co que a xente póidase quedar. Empecei en Redes, porque é a vila natal da miña nai, e funcionou moi ben. Este ano toca Sada, porque o meu pai é de Carnoedo e aquí pasei a miña adolescencia. O Curruncho é un lugar que coñecen todos os mozos que pasaron aquí eses anos. E a capela de San Roque é un lugar espectacular para facer unha exposición.

-¿Que busca coa súa obra?

-Trátase de rescatar pequenos sitios de Sada e doutros lugares do redor, coma Lorbé, Carnoedo e Fontán. Aí están a Terraza, Baroque, a antiga escola... Tamén unha casiña pequena que foi dunha muller xa falecida. Os familiares a recoñeceron e apreciaron máis a obra. Na pintura trátase de que a xente se vexa e se recoñeza.

-¿Que técnica emprega?

-Acrílico sobre collage. E o formato é coma unha apunte rápido, fresco, coma bocetos elaborados. Non é abstracto, pero xogo buscando texturas coas pinceladas soltas. O método é primeiro patearme a vila e buscar os lugares, sacar fotos pensando na luz e no encadre e despois traballo no estudo.

-¿De onde ven o seu vínculo coa pintura?

-Levo pintando desde os 12 anos (é tamén licenciada en Belas Artes), pero gústame facer máis cousas que pintar. Fago traballos tecnolóxicos e performativos, mais a pintura é o lugar ao que sempre volvo. Enriquéceme e compleméntame bastante. Gústame divertirme cando pinto, gozo das texturas, de ver cousas nelas, de que a forma dos papeis vaian debuxando, e se os emprego que te estean escritos, que suxiran cousas dentro do cadro.

-¿Ten algún referente pictórico?

-Gústame moito Lucien Freud, por exemplo, e en retratos e formas, os pintores expresionistas desde que son pequena. Gozo coa forza, con golpear os pinceis contra o lenzo, con rabuñar e arrincar papeis.