Medio ambiente e cambio social en Galiza

Manuel Soto ECOLOXISTA E PROFESOR DA UDC

A CORUÑA

04 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Greenpeace dedica un capítulo á situación do noso país ao longo última década, e incorpora termos de actualidade magnificados pola actual crise: pobreza enerxética, portas xiratorias, corrupción. Mais salientar as consecuencias sociais das agresións ao medio ambiente non é novo na Galiza, país no que explotación e espoliación de recursos veñen sendo sinónimos en temas como os grandes encoros, as celulosas, as políticas forestais, as centrais térmicas ou a xestión do litoral, sen descontinuidade do franquismo á democracia.

Acertado na identificación dos principais grandes impactos, o informe móstrase insensible aos impactos dos parques eólicos sobre moitos ecosistemas, critica o acordo unánime do Parlamento galego de rexeitar os parques eólicos nas rías, ou da por boa a electricidade procedente dos grandes encoros que destruíron os nosos vales e ríos. É así que o ránking proposto non vai coa realidade, pois poucos países como o noso ve espoliados os seus recursos sen beneficio social. Xunto coa nosa mocidade emigran tamén a enerxía eléctrica, renovábel ou non, cun impacto adicional causado polas elevadas perdas no transporte mais sen compensación no prezo. Afástanos todo isto da mensaxe de que Galiza ten potencial para xerar 45 veces máis enerxía eléctrica renovábel que a que podemos consumir, algo que obxectivamente so se podería facer cun elevado custo ambiental. A eficiencia e o aforro son para nós a prioridade.

Coincidimos no elevado potencial para a creación de emprego de forma ambientalmente sustentábel, como puxo de manifesto o ecoloxismo galego diante das eleccións municipais co coñecido Programa pola Terra.