«Rosalía de Castro foi un cóctel realmente espectacular»

a. l.

A CORUÑA

29 abr 2015 . Actualizado a las 16:21 h.

«Non menos de 30 anos. Se acaso máis». Ese é o tempo que a profesora e escritora Pilar García Negro dedicou a estudar e coñecer todos os detalles da vida e obra de Rosalía de Castro, unha muller a que lle custa definir por todo o que supón. Esta tarde presenta -ás sete, no edificio Normal (antigo Maxisterio)- o seu novo libro, No tempo de Follas Novas, unha viaxe pola literatura universal.

-Esta obra é un paso adiante do seu anterior traballo: Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada.

-Nunha parte si é fillo do anterior, porque eu quería celebrar o aniversario desta magna obra, que cumpre 135 anos da súa publicación, e proseguir esa liña de análise e revalorización de Follas Novas, que é a obra definitiva e de madurez de Rosalía. Logo, tamén houbo unha parte de casualidade, que chegou despois de reler o ano pasado Boule de Suif, de Maypassant, e comprobar que se editou no 1880, o mesmo ano que Follas Novas. Foi entón cando empecei a urdir a idea de antologar Follas Novas en primeiro lugar, comentar os textos escolmados, e a partir de aí completar con textos doutras literaturas da mesma época, que é o verdadeiramente novo e orixinal.

-Para este novo enfoque contou coa colaboración de moitos escritores, ¿foi moi difícil encaixalos?

-Hai personalidades moi variadas, desde expertos na obra de Rosalía de Castro, ata expertos da literatura española ou universal. Todos eles estaban familiarizados dunha forma ou doutra co tema e iso o fai máis atractivo. Todos eles responderon entusiasticamente e aplaudindo a idea.

-Despois de tantos anos convivindo con Rosalía, ¿como a definiría?

-Expresala nunha fórmula non é doado. Foi unha muller moi intelixente, moi culta, pioneira, patriota galega durante toda a súa vida, sen dimisión de ningún tipo, e iso quero subliñalo. Foi un cóctel realmente espectacular de conciencia crítica, de patriotismo galego e de talento artístico, e isto é realmente difícil que unha persoa reúna todas estas condicións.

-¿E está suficientemente reivindicada a súa figura?

-Non, non está. Porque si estivese, iso suporía unha interpelación constante para os galegos no seu conxunto. Ou dito doutra maneira, a asunción da obra de Rosalía no pleno sentido da palabra reformularía de contado moitos elementos da Galiza actual, da situación das mulleres, da situación de Galiza ao respecto de España, e do seu papel no mundo. Sería unha interpelación constante.