Unha aplicación «smart» para comunicar incidencias

a coruña / la voz

A CORUÑA

O concello licita o derradeiro dos 14 proxectos piloto vinculados coa plataforma dixital da cidade intelixente

17 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O derradeiro dos 14 proxectos piloto integrados na plataforma Smart City está xa en fase de licitación. Trátase dunha idea innovadora e das que máis gustan no goberno local, explicou onte o concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, que compareceu coa tamén concelleira Rosa Gallego para explicar os pormenores da aplicación.

Trátase dunha ferramenta deseñada para permitir unha relación máis estreita entre o Concello e os veciños. Permitirá, dixo Fernández Prado, notificar en tempo real ás responsables municipais calquera incidencia que se detecte, xa qua calquera veciño que dispoña dun teléfono intelixente poderá enviar imaxes xeorreferenciadas e detalles dos problemas detectados en calquera parte da cidade.

Servirá tamén para acceder a información municipal pública e permitirá recoller suxerencias de mellora. Ao final, dixo Fernández Prado, trátase de ampliar a transparencia e a participación cidadá. O programa estará habilitado, por outra banda, para facer enquisas e coñecer deste modo máis directamente a opinión dos veciños sobre diversos temas. Integrará, ademais, o servizo de información e atención telefónica do 010, así como a base datos coa que este traballa.

A aplicación móbil servirá tamén como acceso a todos os datos e programas vinculados a Smart City. O proxecto saíu a licitación cun prezo de 210.000 euros e un prazo máximo de execución de nove meses. O sistema que se emprega para a súa adxudicación é o de compra pública innovadora, un método que permite á Administración limitar as características dos concursos para fomentar a innovación e o desenvolvemento de produtos, en lugar de dedicar os fondos públicos a mercar un produto pechado.

Dos 14 pilotos de Smart City dez atópanse xa en execución, dous máis en fase de adxudicación e outros dous, en licitación. O programa, financiado con máis de 11 millóns de euros, acadou diversos premios e recoñecementos internacionais. O último deles foi a mención de honra da Comisión Europea á mellor compra pública innovadora durante o ano 2014.