A tradición toma María Pita con Xacarandaina

Dolores Vazquez A CORUÑA

A CORUÑA

Xacarandaina
Xacarandaina Cesar Quian

Unha lección de etnografía musical e de baile da terra foi a aportación do grupo as festas de María Pita

18 ago 2014 . Actualizado a las 12:14 h.

Aturuxos dende o público acompañaron esta noite a cada unha das pezas que Xacarandaina interpretou en María Pita. Un ano máis a actuación do grupo de baile e música tradicional serviu para facer un repaso por pezas froito das recollidas que fixeron durante anos en toda a xeografía galega.

Florencio Ruibal, Flor da Maquía, un home de 88 anos, que leva pegado dende os seus 12 anos a gaita, foi unha das sorpresas dunha gala dedicada ao patrimonio inmaterial que supón o baile a música galegos e para os que Xacarandaina, xunto con outras asociacións, traballa para que sexan declarados patrimonio da humanidade e ben de interese cultural.

Foi toda unha clase de etnografía do folclore galego, na que non faltaron nin os cantos da taberna, nin as charangas, nin as interpretacións de ritmos importados que os galegos fixemos nosos como o vals ou as mazurcas. Tamén foi un desfile de coidadas reproduccións de traxes tradicionais que axudaban a introducir ao público, en parte de pé porque non chegaron para todos as sillas instaladas en María Pita, nas festas doutra época.

Nesta festa do folclore tampouco faltaron As pandeireteiras de Toutón, esas que manteñen o que se considera o serán máis grande de Galicia, o dos namorados en Mondariz, que anualmente se celebra ao redor do 14 de febreiro.