Eva Veiga presenta cun recitado musical «A distancia do tambor»

Dolores Vazquez A CORUÑA

A CORUÑA

Ouriol, actuando na presentación
Ouriol, actuando na presentación Dolores Vazquez

O libro, o noveno da poeta, ganara o Premio Fiz Vergara Vilariño

05 jul 2014 . Actualizado a las 01:00 h.

Eva Veiga, esa nena de Ombre (Pontedeume) que aos 4 anos descubriu a poesía, volveu hoxe a tirar dese fío lírico que a acompaña para presentar na Coruña «A distancia do tambor», a obra que lle fixo acadar o ano pasado o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. O seu noveno poemario non veu de Sarria, de onde é ese galardón, senón que partiu da súa estadía en Bos Aires participando no filme «A cicatriz branca» con Margarita Ledo, a que lle dedica un poema que comeza con «as palabras/ semellan estar/ onde nunca son».

A distancia do tambor é unha obra feita, nun momento, no que Veiga, recoñeceu, que se atopaba «na intemperie, tan abaixo», pero a que lle imprimiu un sotaque máis alegre hoxe ao musicar parte dos seus versos xunto ao seu grupo Ouriol, unha formación que comparte con Fito Ares e Bernardo Martínez, cos que leva 12 anos facendo espectáculos poético-musicais e da que dixo, somos «un trío, a parella perfecta».

Nun acto no que a capacidade de Portas Ártabras viuse superada, Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior, editorial que editou o poemario, citou a Veiga como unha das «máis intensas, interesantes e transcendentes traxectorias poéticas en Galicia» e recoñeceu o «seu impulso lírico e cívico» dunha muller que traballa, dixo, unha poesía de «densidade, da concentración, da lamentación e, por tanto, dos versos constituídos como células de pensamento».

Mentres, que a crítica literaria Teresa Seara, e gran coñecedora da obra da poeta, fixo a súa propia reelectura do poemario, ante xente da cultura como Luz Pozo ou Pilar Pallarés, que asistiron a un acto cargado de sentimento e familiaridade.