«Este disco evoca sensacións»

«Orquesta Gharbo!» estréase no Colón con entradas no Oferplan


A Coruña / La Voz

Música tradicional galega con influencias de todo o mundo porque «a nosa música galega tamén é música do mundo». Así cualifica Nelson Quinteiro (Cangas, 1979) os nove temas que forman o disco Orquesta Gharbo!, que estreará o este venres ás 21.00 horas no teatro Colón. Este traballo discográfico supón un punto de inflexión na traxectoria artística de Quinteiro que «despois dunha carreira musical e teatral de fondo agarda á madureza para botar a andar o seu primeiro traballo discográfico». Isto pode lerse na páxina web aberta polo artista para financiar este disco a través de crowdfunding. As entradas para asistir o venres á presentación do disco poderán mercarse en oferplan.lavozdegalicia.es.

-¿Xa tocaron temas deste disco noutras actuacións?

-Tocamos en Cangas, Rianxo e Carballo no que eran preestreas. Pero este é a estrea, xa co disco na man e á venda. O concerto no teatro Colón é o lanzamento oficial do disco.

-Vai estar arroupado por moita xente, ¿non?

-Estaremos doce persoas no escenario. Haberá un coro de homes que é unha das cousas máis importantes é que ten moitísima potencia. Será un quinteto musical con Álex Lorenzo (guitarras), Fran Castro (teclados e baixo), Pulpiño Viascón (zendrum, serrucho máxico, acordeón) e Olivier Cano (saxo e traveseira). Tamén estarán María López, do grupo Faltriqueira, Silvia Penide e o bailarín Iván Villar, de Nova Galega de Danza.

-E o coro de homes.

-Son Manel, José, Xavier, Antón e Xacobe, membros de grupos como Os Estalotes ou a coral Cantigas e Agarimos, de Santiago.

-No disco hai xéneros musicais moi diferentes.

-A etiqueta é música de raíz. Os temas están escollidos por esa evocación a outras latitudes e así hai un tema que evoca ao Mediterráneo, outro ao atlantismo, o que roza co bravú, o vinculado coa música angoleña... Este disco evoca sensacións nas persoas que o escoitan.

-Un tema vinculado a música bravú que parecía desaparecida.

-O bravú está de aniversario, cumpre vinte anos, e non está desaparecido, aínda volverá a dar rabexadas.

-Ademais de presentar o disco empezan xira na Coruña.

-Para a semana estaremos en Santiago, despois temos función en Ourense e logo en Rianxo.

-Un economista dicía hai pouco que o «crowdfunding» era un perigo. ¿Como foi no seu caso?

-Eu sempre digo que o crowdfunding é como a vitamina do rato para espantar ao elefante. Este disco nace con 80 mans amigas e xa tiven que mandar exemplares a Euskadi, a Andalucía, a Murcia. Foi a xenerosidade dos mecenas en cantidades moi variadas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«Este disco evoca sensacións»