«En Nadal aos pobres sáenlle os espaguetis polas orellas»

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

«O vandalismo en Oleiros vén de rapaces cun aburrimento total. O que lles falta ás veces é alguén cercano que os guíe»

08 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Oleirense de Nós, aínda que nacido no barrio coruñés dos Castros, Ignacio Crespo dirixe a concellería que terá máis incremento orzamentario no 2014. Servizos Sociais de Oleiros xestionará unha partida de 1,15 millóns de euros, un 5% máis que este año, que reforzará especialmente o gasto nas necesidades máis urxentes: bonos de farmacia e alimentación. Son esas situacións de emerxencia ás que o ministro Montoro quere reducir as competencias dos servizos sociais municipais.

-¿Que asumen os concellos que non lles corresponden?

-Coa reforma de Montoro, o papel que se nos quere dar é o de funcionar como beneficencia. E ese é un camiño perigoso. Non hai competencia máis propia dun concello que os servizos sociais.

-¿Cales son as prioridades en Oleiros agora?

-O único que cambiou nos últimos anos é que se foron incrementando os orzamentos en medidas contra a exclusión social. En 2012 creamos ademais o banco solidario que, por exemplo, se encarga de repartir os excedentes de alimentos da UE. Verás que agora os concellos, os bancos de alimentos...

-Fan recollidas...

-Si, chega Nadal e créase un estado de alerta. Eu sei que á xente a pasta: macarróns, espaguetis... sáelle polas orellas. Nós cos nosos bonos de alimentos mandamos regularmente a certas familias peixe, carne, froita... para unha alimentación equilibrada.

-O das recollidas, ¿é unha orientación errada?

-Todo ten a súa medida. Nós as fixemos a través dos coles, pero por exemplo recollemos tamén produtos de hixiene e de limpeza, porque ás veces hai para comer, pero non para lavar a roupa, deterxentes, que son caros, champús, pasta de dentes, papel hixiénico... Fanse de cando en vez, pero sen abusar.

-Por orzamentos e perfil dos veciños, ¿é máis fácil ser concelleiro de Servizos Sociais aquí?

-Servizos Sociais é unha liña de traballo, non cuestión dun concelleiro. Nós temos programas cun enfoque distinto: programas para coidar a coidadores de dependentes, por exemplo. Nas excursións introducimos enfoques culturais, históricos, non facemos ceas-baile...

-¿Non hai usuarios que o piden?

-Si, pero para iso está o Pantano, hai autobuses, empresas que organizan iso, pero os servizos sociais non estamos para facer competencia á hostalería, senón para facer cousas que non se atopan na oferta privada.

-En escolarización, ¿como están a traballar? ¿Hai absentismo?

-Dende hai tres anos temos un protocolo de coordinación cos centros, moi sinxelo, pero que permite deixar rexistrada calquera incidencia. ¿Absentismo? O problema moitas veces é que non se chega a abrir o expediente. Son faltas esporádicas, van o colexio, pero non a clase...

-¿Pero o Concello actúa?

-Actuamos, si, pero o do cole é ás veces a punta do iceberg. Traballamos coa familia, coa intervención da psicóloga municipal, vemos se necesitan algún recurso... Aínda que o papel máis importante dos servizos sociais non son tanto as axudas, como o traballo dos técnicos, de mediación, de buscar solucións...

-¿Cal é a súa frustración?

-Que as dinámicas de traballo e funcionamento na sociedade son moi fastidiadas para manter a cohesión na familia, esa relación directa entre fillos e pais. E iso é a base de moitos dos problemas que vemos. Se a xente non ten tempo para ver aos fillos e se os fillos non vén aos pais e non teñen referencias... Moitas veces temos casos de xente de moi bo nivel económico...

-¿Que detectan?

-Absentismo, mal comportamento, agresividade... Nenos sen referencias cercanas.

-¿Vandalismo tamén?

-O vandalismo aquí vén de rapaces cun aburrimento total. Teñen de todo. Ás veces fáltalles alguén cercano que os guíe. Pero en xeral, non é só achacable aos pais. A traballar tes que ir. Tamén os medios audiovisuais...

-Que inflúen moito...

-Son moito máis potentes á hora de influir nos nenos e de socializar que os pais. Podes estar educando nun sentido que chega iCarly ou Hannah Montana e te desmonta todo. Por moita campaña de igualdade que fagas non vas poder loitar coa MTV ou con Clan, ou con Boing.