«Con 1.500 habitantes sería un abuso cobrar dous mil euros ao mes»

Toni Silva IRIXOA

A CORUÑA

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde de Irixoa cobra como un bolseiro. Dos rexedores da comarca que viven profesionalmente do bastón de mano, Antonio Deibe (Irixoa, 1959) ten a nómina máis modesta, apenas 973 euros netos ao mes. Catorce pagas. Este é o seu oitavo ano de alcalde.

-¿Houbo nóminas mellores noutro mandato?

-Estou cobrando igual que hai oito anos. Eu son mileurista, dos 1.190 euros brutos cobraba 970. Agora un pouquiño máis.

-¿Canto máis?

-Agora 973.

-¡Qué dispendio!

-Xa, non é moito, non. Pero non me podo permitir cobrar máis. Vivo con eses case mil euros, pero sei apañarme. Eu son moi austero.

-¿E tamén é austero na xestión municipal?

-Non queda outra, somos austeros. Hai que facer moito con moi pouco.

-E aínda así, vostede e dous concelleiros renunciaron ás pagas extras para crear un posto de traballo temporal.

-Iso foi hai dous anos. E serviu de moito. Ademais de meter unha nómina nunha familia de Irixoa durante uns meses, fixemos moitas obras. A nosa teima neste concello é o paro. Agora anda no 19 % ou 20 %, por debaixo da media nacional. Pero temos que seguir loitando contra iso.

-¿Por qué non cobra 1.500 euros? Ten maioría política e potestade para facelo e non sería un soldo criticable.

-¿1.500? Imposible. O que cobro actualmente xa é o 4 % do orzamento de Irixoa para todo o ano.

-¿E non teme que unha nómina tan baixa invite a pensar que igual cobra por outras vías?

-Entendo a pregunta. Pero non, de onde ía ser. Bárcenas manchou este partido, pero aquí o 99,5 %, non, mellor pon o 99,9 % dos alcaldes do PP somos honrados.

-E a maioría cobra máis que vostede.

-Pero iso debe ir vinculado á poboación dos municipios. Eu con 1.500 habitantes non podo cobrar 2.000 euros, sería un abuso.

-Con oito anos na política e a este ritmo de ingresos, ¿verémolo moitos anos no Concello?

-A política non é un soldo. A política é traballar para facer mellor a vida dos teus veciños. Esa é a miña satisfacción, e o motivo polo que me metín nisto. Gústame traballar para os demais, conseguir que co meu traballo os demais resolvan os seus problemas. Dalgún xeito iso tamén é un soldo que non se cuantifica.

-Pero recoñecerá que as administración consumen moitos recursos para xestionarse.

-Hai moito chiringuito por pechar. Aí estou de acordo co presidente Núñez Feijoo, estanse facendo cousas repetidas e non se pode permitir. Non pode haber chiringuitos inútiles e despois nós ter problemas de financiamento para servizos básicos como o saneamento.