«O coñecemento do inglés mellorou nos últimos anos»

Nacho Mirás Fole

A CORUÑA

Aínda que vén con gusto a Ribadeo, ten saudade de Inglaterra

30 sep 2013 . Actualizado a las 10:10 h.

Sente Galicia como sente Inglaterra. Pero confesa que cando leva dous meses en Ribadeo a saudade británica tira para a súa casiña, seu lar... en Oxford. O doutor John Rutherford (1941) di, en galego, que os coñecementos da lingua de Shakespeare melloraron nos últimos anos, e aínda han mellorar máis.

-¿Temos en Galicia xente dabondo que promova a cultura e a lingua inglesa, como vostede fai coa nosa en Inglaterra?

-Hai xente, hai. Por exemplo, un gran amigo meu como é Antonio de Toro, da Universidade da Coruña, un gran traballador da cultura irlandesa, pero tamén da literatura inglesa en xeral.

-Aínda non acabamos de falar ben os idiomas, John...

-Tampouco os ingleses podemos sentirnos orgullosos nese sentido. Pero penso que o coñecemento do inglés mellorou moito en Galicia nos últimos anos. É algo lóxico. Cando eu era novo, todo o mundo daba francés. Logo houbo un cambio brusco ao inglés e agora estamos a notar os resultados, sobre todo en xeracións novas de vinte, trinta ou corenta anos que falan ben.

-¿Hai medo escénico ás linguas de fóra?

-Igual digo unha parvada. Pero os ingleses, como os galegos, temos problemas cos idiomas porque tendemos, e é unha xeneralización, a ser tímidos. Pasoume a min, custábame moito cando vin a primeira vez a Galicia comezar a falar español e galego. Por medo a facer o ridículo, non falaba. Os galegos -e agora falo en primeira persoa plural porque son inglés e galego- tamén temos esa tendencia a ser retraídos. Iso non lles pasa aos andaluces ou aos madrileños.

-¿Que aspectos pensa que mudarían de mellorar o noso coñecemento do idioma do seu país natal?

-Mellorou, mellorou, en gran parte porque os ingleses viaxamos máis. O Camiño de Santiago axuda levando a moitos a Galicia e a ter un coñecemento máis profundo e exacto da realidade galega. En termos económicos noto, iso si, que hai produtos excelentes de aí que é raro velos nas tendas de aquí. Apareceu algo de viño albariño, pero non hai mexillón galego, que é magnífico. E as sardiñas en lata que podo mercar nunha tenda de Oxford son portuguesas.

-Os portugueses sempre tiveron un contacto máis directo con vostedes...

-É certo. Aquí hai moito viño portugués, por exemplo. Pero non verás xoias como o godello ou o mencía de Galicia.

-¿Botará un día a áncora en Ribadeo ou quedará en Oxford?

-Se teño que parar, pararei en Oxford. Aínda que son moi galego, hai cousas inglesas que boto de menos. Por exemplo, gústame dar longos paseos polo campo. Aquí non temos os montes espectaculares de Galicia, é un campo case chan, pero moi bonito, con moita riqueza arbórea, dá gusto andar por el. En Ribadeo a única árbore, practicamente, son os malditos eucaliptos, un aburrimento.

-¿Bares ou pubs?

-Tamén boto a faltar o pub inglés. Gústame moito a nosa cervexa tradicional, natural. O ambiente dos pubs é totalmente diferente do dos bares españois e galegos. Aquí teño as miñas rutinas: aínda que estou xubilado, traballo moito. Cando me aburro, toco algún instrumento.

-¿A que lle pega?

-Intento tocar moitos, e todos mal. Ultimamente afeccioneime moito á guitarra portuguesa. Agora, a miña obsesión é o pai histórico da guitarra portuguesa, que é unha guitarra inglesa do século XVIII, máis da familia da bandurra. Merquei un par nunhas poxas. Podo levalas a Ribadeo, pero alí non teño nin horta, nin cervexa, nin pub, pero vou con gusto.

nacho.miras@lavoz.es