«Non levei garabata nin cando me reunín co príncipe Felipe»

toni silva OLEIROS / LA VOZ

A CORUÑA

O centro de Santa Cruz acaba de celebrar o seu décimo aniversario

16 ene 2012 . Actualizado a las 12:33 h.

Parafraseando os antigos libros de texto, o castelo de Santa Cruz está nunha illa rodeada de auga por todas partes menos por unha que se chama pasarela. Dende as súas ameas faise unha numantina defensa do medio ambiente co labor do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que acaba de celebrar os dez anos. O aniversario é un bo motivo para falar co seu director, Carlos Vales, nado en Caracas pero de profundas raíces oleirenses. «Miña avoa era de Dorneda e o meu avó de Montrove».

-¿É o señor do castelo?

-Pois non, eu son o administrador. Temos unhas habitacións acondicionadas no castelo que era a antiga vivenda do guardés e hoxe en día utilizámola como residencia de profesores convidados e investigadores.

-Quitándolles clientes aos hoteis de Oleiros.

-Bueno, ten dous cuartos nada máis, non é moita competencia.

-Cando o Ceida aínda estaba en pañais, chégalles o «Prestixe». ¿Aquilo fíxolles madurar de golpe?

-Non. O Prestige supuxo un enfrontamento político tremendo e o Ceida é unha institución na que ten participación a Xunta. Por iso nós tivemos que ser moi coidadosos en calquera pronunciamento.

-¿Mordeu moito a lingua?

-Absolutamente. De feito, as actividades que fixemos dende o Ceida foron formar voluntarios para a limpeza de aves petroleadas e colaborar no saneamento de praias. Pero non participamos nas protestas como institución.

-¿Chegou a chorar por algunha traxedia medioambiental?

-Unha das cousas que máis dor me ten producido é ver o avance dos eucaliptos nas fragas do Eume. Tamén me entristece o proceso de urbanización do litoral. Así ocorreu en Ribeira, que tiña unha costa marabillosa que hoxe está baixo cemento. Ou pola expansión turística en Cabo Verde. Alí cheguei a coñecer praias virxes onde criaban as tartarugas e hoxe só atopamos complexos hoteleiros de cincocentas prazas.

-Na visita do conselleiro Agustín Hernández vostede non levaba garabata.

-É un acto de rebeldía infantil. A miña nai estaba empeñada en vestirme bonito e a min a garabata pareceume unha imposición. Nin sequera a levei cando fun convidado a unha reunión co príncipe Felipe na que, obviamente, había que levar garabata e...

-E vostede decidiu romper o protocolo.

-Si e non. Souben que se levas camisa de liño non precisas garabata, así que merquei unha para estar á altura.

carlos vales director do ceida