Marcos Abalde gaña o Cunqueiro cunha peza crítica coa sociedade

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA

Paula Carballeira faise por segunda vez co premio Manuel María

10 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«O teatro non pode ser só entretemento, ten que servir para facer crítica da sociedade». Así explicou o cometido do teatro Marcos Abalde, poucos minutos despois de facerse público que a súa obra, A cegueira, foi a gañadora da vixésima edición do premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais.

Na mesma convocatoria, Paula Carballeira obtivo o Manuel María de literatura dramática infantil polo texto O refugallo.

O presidente do xurado situou a peza de Abalde como un texto influído polo «grotesco, con pegada poética, cun carácter aberto e crítico coa sociedade». Anxo Abuín sinalou que é un texto arriscado, unha definición que o autor admite e que significa para el que «o xurado tamén arriscou na elección».

Abalde comentou que A cegueira non é «nin fácil nin compracente». Sitúa a acción da obra en Palestina, un territorio en guerra, «un lugar alimentado pola cegueira do sistema criminal no que estamos vivindo». Engadiu o autor que quen xestiona este sistema son «os xestores da barbarie».

O refugallo é o título da obra de Paula Carballeira, que por segunda vez gaña o Manuel María. A dramaturga e actriz sinala que o premio é unha necesidade para «difundir as obras, especialmente se é teatro e se está dirixido a un público familiar». O xurado recoñeceu no texto o «oficio co que está escrito, a diversión e o didactismo da peza e a definición do carácter dos protagonistas».

O Barriga Verde, deserto

O xurado declarou deserto o Barriga Verde de textos para monicreques. Abuín sinalou que esta decisión pretendía ser unha «chamada de atención e un reclamo para conseguir máis calidade nos textos que se presenten noutras edicións».