Rescatan a «Soma de craridades» de Cunqueiro

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

A CORUÑA

O congreso internacional sobre o autor mindoniense comeza hoxe

28 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En 1932, o Álvaro Cunqueiro membro do Partido Galeguista enviaba seis poemas ao seu amigo Luís Seoane baixo o título Soma de craridades. Foron publicados no álbum de debuxos Síntese do crime. A guerra fixo desaparecer aquel álbum, pero o propio Luís Seoane encargouse, en 1977, de editar aquel poemario de Cunqueiro, acompañado por algúns debuxos dos anos trinta, e acompañado por unha carta de Santiago Montero Díaz.

Trinta e catro anos despois, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, vén de publicar unha edición facsimilar de Soma de craridades, por Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, por Santiago Montero Díaz.

A presentación tivo lugar onte na Casa do Libro en Vigo, coa presenza do responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, en representación da Xunta, e o propio fillo de Álvaro Cunqueiro, César Cunqueiro. É un dos numerosos eventos que teñen lugar este ano, no que se conmemora o centenario do nacemento do escritor de Mondoñedo.

César Antonio Molina

Coa conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, o escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina abre hoxe en Santiago de Compostela o congreso internacional Mil e un Cunqueiros, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coas tres universidades galegas. O congreso, acto culminante do Ano Cunqueiro organizado polo CCG, prolongarase ata o sábado con sesións en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para acoller nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións.

Logo da conferencia inaugural, intervirá Thomas Harrington, do Trinity College de Hartford-Connecticut (Estados Unidos), que falará sobre Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?