Agustín Fernández Paz: «Se aquí lemos novela islandesa, tamén a nós nos poden ler fóra»

beatriz pallas REDACCIÓN /LA VOZ

A CORUÑA

O prolífico autor vilalbés vén de gañar o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa extensa obra.

14 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Necesitamos beber soños coma quen precisa beber auga. A metáfora é de Cunqueiro e para Agustín Fernández Paz é unha máxima que explica ese mecanismo integrado no ADN das persoas que impulsa a contar e a escoitar historias. O prolífico autor vilalbés vén de gañar o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa extensa obra, que inclúe títulos como Contos por palabras, No corazón do bosque ou Cartas de inverno, que leva, esta última, 26 edicións en galego e 15 en castelán. Agora ten tres novos títulos en carteira: Corazón de pedra, para lectores novos; Fantasmas de luz, obra sobre o cine ilustrada por Miguel Anxo Prado; e o libro de contos As fronteiras do medo.

-Vostede medrou sen televisión. ¿Tería sido tan bo lector habendo debuxos animados?

-É certo que medrei coa xente contando historias arredor da cociña de ferro. Pero non é menos certo que hoxe lese moito máis que hai tres ou catro décadas. O que urxen son políticas activas de promoción da lectura.

-¿Como se convence a un neno rodeado de pantallas para que se concentre nun libro?

-Hoxe as casas están inundadas de pantallas, pero ao seu carón están os libros. Aos rapaces que son bos lectores encántalles o cine e Internet. Antes o libro ocupaba un papel central e agora foi desprazado. Pero a lectura segue sendo fundamental para unha sociedade democrática e para crear cidadáns libres e críticos para ler no soporte que sexa.

-¿É o mesmo criarse con Alicia que con Bob Esponja?

-Aí si que me pillas. Sei que existe, é imposible non sabelo, pero estou máis ao tanto das películas de Pixar ou de Hayao Miyazaki. Vexo moita simbiose entre os libros e as películas, aínda que os praceres da lectura son máis intensos e permanentes.

-¿Os contos clásicos seguen sendo o gran referente?

-Son marabillosos. Son a decantación dunha tradición oral de séculos e teñen unha visión do mundo fundamental para a maduración vital.

-Agora témese a violencia dos videoxogos, pero nos contos populares hai moito terror.

-¿Que libro lle gustaría ter escrito?

-Algún de Roald Dahl, As bruxas quizais. Pero o bo dos libros e que non tes que ter un de primeiro no ranking, porque todos agardan por ti.

-¿Os seus premios proban que escribir en galego non é un límite?

-Iso téñoo claro desde os primeiros libros. Cando un escritor traballa o centro do mundo está no seu cuarto, calquera que sexa a lingua que empregue. Despois están as cuestións sociolóxicas. Se aquí lemos novela islandesa, un país cos habitantes de Vigo, ou a Murakami, que escribe en xaponés, tamén a nós nos poden ler fóra. É precisa unha política de fomento da cultura propia no exterior e os escritores galegos estamos desasistidos.

-A literatura infantil galega xa ten un prestixio propio.

-Porque fomos furando e facendo o que podiamos para que nos coñecesen, presentando textos a todos os certames que admitían orixinais en galego.

agustín fernández paz premio iberoamericano sm de literatura infantil

«Debaixo de cada conto popular hai un río de ensinanzas para superar o medo e o perigo»

-As versións orixinais da Cincenta, Brancaneves ou Hansel e Gretel son terroríficas. Pero debaixo de cada conto popular hai un río subterráneo de ensinanzas para superar os medos e os perigos.