Modesto Seara: «Con Bolonia, Europa perderá competitividade con Asia»

mar gil OURENSE / LA VOZ

A CORUÑA

Tras recibir a Medalla Castelao, o rector fundador do sistema de universidades estatais de Oaxaca, será homenaxeado no seu Allariz natal

09 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Modesto Seara Vázquez (Allariz, 1931) loce dende este verán unha Medalla Castelao e o domingo recibirá o recoñecemento da súa vila natal, que lle dará o seu nome a unha praza. Rector fundador do sistema de universidades estatais de Oaxaca, investigador emérito da Universidade Autónoma de México e posuidor da máxima condecoración do Estado pola súa contribución á formación de varias xeracións de mexicanos, Seara ten, ademais, a honra de ser un visionario. A súa tese de doutoramento, na Sorbona dos anos 50, versaba sobre o dereito interplanetario.

-Tras unha vida de itinerancia volve a Allariz para unha homenaxe.

-En Allariz temos unha parte da familia e eu teño da vida unha idea moi tribal. Este é un tipo de homenaxe que che fan, se cha fan, cando estás morto; na miña vida recibín outras, pero recibila onde nacín é moi diferente.

-¿Cal e a súa opinión do sistema en España e do plan Bolonia?

-Do sistema educativo en España non teño moi boa opinión. Os resultados son preocupantes. Penso que houbo unha confusión entre os valores que tes que transmitir e a aplicación que se fai deles no proceso educativo. Un sistema educativo serio no pode funcionar se deixas que os estudantes impoñan as súas condicións. Hai que restablecer a autoridade no ensino a todos os niveis. En canto ao proceso de Bolonia, ten aspectos positivos, como a mobilidade e a aproximación dos programas de estudo. O resto son moi preocupantes: a redución dos anos de estudo, os sistemas de avaliación de coñecementos e outras cousas que me cheiran a privatización das universidades. Se se vai adiante co proceso tal como está hoxe, Europa perderá competitividade cos países asiáticos, onde as universidades son cada vez mellores.

-En Galicia hai tres universidades.

-Oaxaca ten medio millón máis de habitantes que Galicia, pero o seu territorio é tres veces máis grande. Nunca fun amigo de destruír o que temos, o que compre é melloralo e non ter medo á innovación. Penso que é positivo espallar o ensino universitario, con campus especializados, e fai falta ir a estudos que non son tradicionais. O meu modelo penseino para conseguir universidades de moi alta calidade, para transformar as sociedades. A alta calidade xa a conseguimos, e agora estamos nos primeiros lugares do país e incluso chegamos a unha posición que ninguén podería soñar fai anos: ser número un mundial no 2008 e no 2011 nun campo avanzado da computación que se chama Human Computer Interaction. O segredo do noso éxito é unha disciplina de traballo que algúns chaman asiática, e tal como van a cousas no mundo tómoo coma un gran cumprimento.

-¿Como ve a política española un desencantado do PSOE xa nos anos oitenta?

-Penso que a posición de España é moi complicada e as eleccións trambilican a solución á crise xa que os políticos fan as propostas máis en función da busca dunha imaxe ca en función da eficacia que puideran ter. Haberá que aplicar medidas moi duras, pero sen tocarlle a dous tipos de gasto fundamentais para non caer nunha crise estrutural: os que teñen que ver co ensino e coa infraestrutura. Dos políticos fai moitos anos que estou farto, pero a vida social sen política é imposible. Políticos honestos debe habelos nalgunha parte, o caso é dar con eles.