«Se saíse adiante a moción, tería marchado feliz»

La Voz

A CORUÑA

26 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antes da entrevista, o alcalde en funcións de Cambre recolle papeis e carpetas da súa mesa. «Estou apurando todas as firmas», di. E, despois, ten unha reunión co delegado do Goberno «para despedirme», explica. Antonio Varela, a quen pola súa afabilidade resulta adecuado chamarlle Tonecho, asegura que despois de 32 anos na corporación e 30 como alcalde marchará do seu despacho o próximo día 10. Alí deixará, segundo di, os carteis de prohibido fumar que ten pegados polas paredes, planos da N-550 na Rocha e moito traballo «encauzado».

-¿Non levará nada?

-As fotos da familia e un libro da primeira Constitución firmada polos deputados de entón. Un regalo de Peces Barba sobre o que xurei o cargo de alcalde a primeira vez que saín elixido.

-¿De que está máis satisfeito?

-Cando eu entrei había catro funcionarios. Hoxe son 200 e o Concello xestiona 17 millóns de euros. Do que me sinto máis orgulloso é do centro de saúde. Fomos pioneiros en España. ¡Con nove despachos aquilo parecía un hospital!

-¿E o recordo máis amargo?

-O que máis doe é ver agora que hai veciños que non teñen para pagar a luz.

-¿Non foi a moción?

-Se saíse adiante a moción, tería marchado feliz. Entrei co pano limpo e o peto vacío, como saio agora.